Estás en:Novas

O 'Fado para Samuel' protagoniza o acto institucional do Día da Diversidade da Deputación da Coruña

O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, reivindicou "a necesidade de sermos contundentes contra os delitos de odio" e o recoñecemento aos colectivos que traballan a prol da igualdade, conformados "por persoas con nomes e apelidos, con historias persoais moi duras na maioría das ocasións, mais persoas que abriron moitas portas"

O 'Fado para Samuel' protagoniza o acto institucional do Día da Diversidade da Deputación da Coruña

'Fado para Samuel', un tema musical composto por Davide Salvado e Daniel Pardo tras o asasinato de Samuel Luiz, foi o gran protagonista do acto institucional que a área de Igualdade da Deputación organizou esta mañá con motivo do Día da Diversidade.

O acto estivo encabezado polo deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, que desculpou a presenza da deputada de Igualdade, María Muíño (que non puido estar presente por unha cuestión familiar), e defendeu "a necesidade de sermos contundentes contra os delitos de odio e non só traballando na actualización da lexislación, senón tamén actuando desde o ámbito educativo". O deputado lembrou que un de cada tres delitos de odio en Galiza representan LGTBIfobia e que, segundo diversos colectivos, só un de cada 10 se denuncian. Xosé Lois Penas tamén fixo referencia "ás persoas que na nosa contorna mais próxima levan décadas de traballo a prol da igualdade das persoas sexa cal sexa a súa identidade de xénero ou orientación sexual". Neste sentido, mencionou o Congreso Memoria Diversa, do que se celebrou a segunda edición a comezos do mes de xuño, e da do libro do mesmo título que rescata as historias de persoas que desde hai máis de 50 anos "traballan por construír un mundo onde todos nos sintamos iguais. Persoas con nomes e apelidos, con historias persoais moi duras na maioría das ocasións, mais persoas que abriron moitas portas e por iso hai que escoitalas". "Tecer redes contra o esquecemento é o que debe facer calquera sociedade democrática e é o que estamos facendo desde a Deputación da Coruña" afirmou o deputado.

Tras a intervención do deputado, a asesora de Igualdade, Silvia Seixas, foi a encargada de poñerlle voz á declaración institucional aprobada en sesión plenaria a pasada semana e que recolle, entre outras cuestións, "a defensa nítida do dereito en plena igualdade, á dignidade, e ao libre desenvolvemento da identidade sexual e/ou de xénero". Nos seis puntos de acordo que recolle a declaración institucional, a Deputación tamén amosa "a solidariedade e apoio a todas as vítimas das agresións LGTBIfóbicas, e en especial, lembra o asasinato por agresión homófoba en grupo de Samuel Luiz, un acto brutal, inhumano e execrable que conmoveu á sociedade desta provincia e, de toda España, e do que se cumprirá nos próximos días un ano".

Precisamente o vestíbulo da Deputación foi o escenario escollido polos músicos Davide Salvado e Cibrán Seixo para interpretar por vez primeira o 'Fado para Samuel', definido polo propio Davide Salvado como "unha resposta artística reivindicativa, porque eu mesmo podería ter sido Samuel desde os dez anos de idade". Este acto institucional forma parte da V edición da campaña 'Liberdade de ser e sentir', que ten en marcha a área provincial de Igualdade en colaboración con concellos e entidades da provincia. A programación da campaña pode consultarse na web seresentir.gal