Estás en:Novas

Formoso dá a benvida a Santiago aos participantes na peregrinaxe de Special Olympics Galicia

O presidente provincial acompañou á comitiva no tramo entre a Alameda e a praza da Quintana De Santiago

Formoso dá a benvida a Santiago aos participantes na peregrinaxe de Special Olympics Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, defendeu esta mañá, o papel "fundamental" do deporte como ferramenta de "integración e visibilización". Fíxoo mentres percorría o tramo entre a Alameda e a praza da Quintana de Santiago como parte da andaina de Special Olympics Galicia. Na peregrinación, que comezou a finais de xuño, participaron centos de persoas con discapacidade intelectual aos que Formoso felicitou polo esforzo realizado e polos valores que "transmiten á sociedade".

O presidente reivindicou a "inclusión e a protección social" como dúas das preocupacións compartidas entre a Deputación da Coruña e Special Olympics Galicia. Formoso enxalzou o labor desta entidade, poñendo en valor o traballo que realizan, ao longo do ano, "para crear unha comunidade tan forte e para demostrar que hai un campión en cada un de nós".

Durante a súa intervención, o presidente amosou o "orgullo" que supón para a Deputación da Coruña colaborar con este tipo de iniciativas, especialmente, se están enmarcadas "no Camiño de Santiago, unha experiencia inigualable de unión co territorio, coas súas xentes e coa natureza". Formoso rematou incidindo na necesidade de que as administracións concreten as súas prioridades, "que non poden ser outras que estar ao carón da xente".

Promover a inclusión social

O obxectivo deste proxecto, no que tomaron parte tanto entidades autonómicas como nacionais, foi facilitar a inclusión de todas as persoas con discapacidade intelectual que desexaran sumarse ao Ano Santo Xacobeo. Special Olympics Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual. Para conseguir este obxectivo, fundamentan a súa liña de traballo en tres piares fundamentais: o deporte, o lecer e a cultura.

Páxinas suxeridas