Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Cedeira invisten 187.000 euros para renovar o pavimento do pavillón

Formoso e Moreda asinaron o convenio de cooperación para substituír o firme cun orzamento total de 187.201 euros

A Deputación e o Concello de Cedeira invisten 187.000 euros para renovar o pavimento do pavillón

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, asinaron na sede da institución provincial o convenio para o financiamento das obras de renovación do pavimento deportivo do pavillón municipal da localidade.

Os traballos suporán un investimento de 187.000 euros, dos que a Deputación sufragará o 80% (150.000 €) e permitirán substituír o pavimento actual, de parqué, que presenta numerosas deficiencias estruturais que poñen en risco a saúde dos deportistas e tamén afectan ao seu mantemento.

O espazo de xogo conta cunha superficie de 1.211 metros cadrados e cinco espazos anexos doutros 200 metros cadrados. A madeira está moi deteriorada pola couza e a humidade, mesmo hai ocos visibles que impiden a práctica deportiva habitual.

A intervención contempla a instalación dun novo pavimento deportivo composto de madeira maciza de freixo sobre unha estrutura prefabricada laminada. Este sistema garante unha óptima absorción dos impactos e soporta cargas pesadas sen comprometer o rendemento do chan, segundo explicou o alcalde, Pablo Moreda.

Unha vez executada a renovación do pavimento levarase a cabo a sinalización de varios terreos de xogo; un de fútbol sala (41x23 metros), tres de baloncesto (22x12 metros e 28x15 metros), e seis de bádminton (13,4x6,1 metros).

A Deputación amosa deste xeito o seu firme compromiso co deporte na provincia. Recentemente o presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, reuniuse con Agaxede para abordar a necesidade de realizar un estudo integral do ecosistema deportivo en toda a provincia.