Estás en:Novas

Cristina Capelán afirma que o Pantín Classic xa convertiu a Pantín “na capital do surf español por dereito propio”

O Abanca Pantín Classic Galicia Pro terá lugar entre o 9 e o 17 de xullo no areal de Valdoviño
Participarán máis de 150 surfistas de todas as partes do mundo

Cristina Capelán afirma que o Pantín Classic xa convertiu a Pantín “na capital do surf español por dereito propio”

Este sábado, 9 de xullo, deu comezo en Valdoviño unha nova edición do Abanca Pantín Classic Galicia Pro, o torneo de surf máis importante dos que se disputa en España, que este ano celebra xa a súa 35ª edición e no que colabora a Deputación da Coruña.

Ao acto inaugural acudiu a deputada de deportes, Cristina Capelán, que destacou a importancia que este campionato ten para Ferrolterra a nivel turístico, pois "o Pantin Classic converte á comarca nun destino xeoturístico único para a práctica do surf".

O evento, que se celebrará entre o sábado 9 e o domingo 17 de xullo, contará con máis de 150 surfistas de toda a xeografía global. Participarán deportistas da talla de Joan Duru, actual campión do mundo con Francia nos ISA World Surfin Games, Teresa Bonvalot ou Adur Amatriain, gañador da última edición deste torneo.

A programación terá o seu punto de partida co Open de Galicia, onde sesenta competidores galegos buscarán unha das catro prazas -dúas masculinas e dúas femininas- que lles dean o pase para disputar a proba de categoría mundial.

Ao longo deste fin de semana tamén se disputará a Abanca Surf Adaptado, onde participarán 36 surfistas con diversidade funcional chegados desde países como Brasil, Canadá ou Estados Unidos, entre outros.

A deputada quixo recalcar "a importancia do Pantín Classic á hora de dar a coñecer o surf e a relevancia que adquire no apartado económico, pois son miles as persoas que ano tras ano seguen este evento e que fan que o retorno económico para a comarca de Ferrolterra sexa significativo".

Capelán quixo felicitar a todos os membros da organización e deulles as grazas "polo grande esforzo que require un evento desta magnitude e tamén dar a benvida á nosa provincia aos surfistas que durante os vindeiros días competirán nesta magnífica "factoría de olas" que é a praia de Pantín.

Por último quixo salientar "a gran aposta que desde a Deputación da Coruña facemos polo deporte, incrementando este ano as liñas de subvencións ata os 4,5 millóns de euros, co obxectivo de apoiar a centos de clubs coruñeses de todas as disciplinas, bolsas de estudos aos novos talentos do deporte e promover a actividade deportiva en todos os seus ámbitos, desde o deporte de base aos grandes eventos deportivos, coma este Pantín Classic".

Páxinas suxeridas