Estás en:Novas

A Deputación reclama á Xunta que ceda á Asociación Parkinson Coruña o seu local da rúa Jazmines

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, considera "incomprensible" que a entidade teña que abonar 400 euros mensuais ao IGVS mentres recibe axudas da Deputación e o Concello da Coruña

A Deputación colabora co servizo de Fisioterapia que ofrece a entidade ás persoas con Parkinson

A Deputación reclama á Xunta que ceda á Asociación Parkinson Coruña o seu local da rúa Jazmines

A Deputación da Coruña reclámalle á Xunta de Galicia que ceda á Asociación Parkinson Galicia-Coruña o local que utilizan como sede social da entidade na rúa Jazmines na cidade da Coruña e polo que pagan un aluguer mensual de 400 € ao Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS).

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, que hoxe visitou a entidade, considerou "incomprensible" que este organismo público dependente da Xunta cobre un alugueiro "a unha entidade sen ánimo de lucro que desenvolve un gran labor no ámbito social mentres outras administracións como a Deputación e o Concello da Coruña destinan axudas para apoiar o seu funcionamento".

Lamas considerou que "o lóxico sería que a Xunta cedera gratuitamente o inmoble, xa que estes 400 euros mensuais son insignificantes para o IGVS pero para unha pequena entidade coma esta representa un gasto importante nas súas contas anuais".

Acompañada do presidente da Asociación Parkinson Galicia, Antonio Ferreiro, e de membros da xunta directiva da entidade, Ana Lamas visitou as instalación do centro para coñecer a atención e servizos que lles ofrecen ás persoas con Parkinson e as súas familias, entre eles os de psicoloxía, logopedia e fisioterapia, que conta co apoio económico da Deputación da Coruña a través das liñas de axudas para entidades sociais da área de Benestar Social.

Lamas destacou que se trata dun servizo fundamental para autonomía persoal das persoas que sofren esta enfermidade e interesouse polas necesidades da Asociación para mellorar o seu traballo.

Páxinas suxeridas