Estás en:Novas

Arredor de 200 nenos e nenas participan este verán na Campaña de Vela da Deputación

O presidente Valentín González Formoso inaugura en Cariño nunha programación que se estenderá ao longo dos meses de xullo e agosto en Mugardos, Pontedeume, Ponteceso, Dumbría e Rianxo

Cariño acolle a primeira edición dos cursos e durante esta semana unha vintena de escolares da comarca do Ortegal aprenderán a navegar en embarcacións a vela. Dos vinte participantes nesta quenda, catro son nenas e nenos ucraínos acollidos na localidade.

Arredor de 200 nenos e nenas participan este verán na Campaña de Vela da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña. Valentín González Formoso, a deputada de Deportes, Cristina Capelán, o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, inauguraron hoxe a primeira quenda da Campaña de Vela 2022 da Deputación, na que participarán preto de 200 nenos e nenas de distintos municipios costeiros da provincia ao longo dos meses de xullo e agosto. A iniciativa inclúe a iniciación nos conceptos teóricos de náutica e coñecementos básicos de nodos mariños con prácticas de navegación a vela.

Entre os monitores destaca a presenza do campión do Mundo de 420, Toni Ripoll, que amosará aos máis pequenos a paixón pola vela e lles ensinará os segredos da náutica.

Formoso asegurou durante a inauguración da campaña que esta iniciativa deportiva da Deputación tenta achegar aos máis pequenos un dos deportes de referencia de Galicia, pero tamén "fomentar a práctica deportiva como actividade saudable e valores como o respecto polo medio mariño e o medio ambiente, un dos nosos recursos máis preciados".

Cariño acolle a primeira edición dos cursos do 18 ao 22 de xullo e durante esta semana unha vintena de escolares de 9 a 17 anos dos municipios da comarca do Ortegal na que aprenderán a navegar en embarcacións a vela. Dos vinte participantes nesta quenda, catro son nenas e nenos ucraínos acollidos nesta esta localidade.

Un ano máis a Deputación da Coruña pon en marcha a Campaña de vela, iniciativa deportiva coa que o organismo provincial fomenta a práctica dos deportes náuticos. A campaña está dirixida aos nenos e nenas empadroados na provincia e nados entre xaneiro de 2004 e decembro de 2013

QUENDAS

O resto das quendas terán lugar en diferentes paraxes do litoral como Mugardos (25 ao 29 de xullo) , Pontedeume (do 1 ao 5 agosto), Ponteceso (do 8 ao 12 de agosto), Dumbría (do 15 ao 19) e Rianxo, a última quenda, do 22 ao 26 de agosto. As quendas terán unha duración dunha semana e se estruturarán en dous grupo; un de 10:00 a 14:00 horas e outro de 16:00 a 20:00 horas.