Estás en:Novas

EUROPE DIRECT A Coruña fai entrega de dez bonos de Interrail aos Embaixadorxs do Ano Europeo da Xuventude

A campaña #EmbajadorxsEYY2022 acadou un impacto de máis de 27.000 visualizacións en Instagram

"Precisamos xente moza coma vós, mozos que sexan axentes do cambio, emprendedores e innovadores, non só nas súas comunidades locais, senón tamén a nivel europeo", destacou o deputado Antonio Leira

EUROPE DIRECT A Coruña fai entrega de dez bonos de Interrail aos Embaixadorxs do Ano Europeo da Xuventude

EUROPE DIRECT A Coruña fixo entrega hoxe dos dez bonos de interrail que gañaron os e as participantes na campaña Embaixadorxs do Ano Europeo da Xuventude, unha iniciativa do centro para difundir as oportunidades europeas para a mocidade en redes sociais que alcanzou un impacto de máis de 27.000 visualizacións en Instagram.

Nun acto celebrado no Pazo Provincial da Deputación da Coruña, o deputado delegado de Economía e Facenda, Antonio Leira, e o Oficial Maior, Miguel Iglesias, foron os encargados de facer a entrega dos premios e tamén de lembrar o importante labor que estes mozos e mozas realizaron durante dúas semanas. "Precisamos xente moza coma vós, mozos que sexan axentes do cambio, emprendedores e innovadores, non só nas súas comunidades locais, senón tamén a nivel europeo", destacou Leira.

Pola súa banda, Iglesias resaltou a relevancia de que estes dez embaixadores empregaran fontes oficiais de información da Comisión Europea e medios dixitais para espallar o contido. "É chave que a xuventude teña un acceso fácil e áxil á información que lles afecta", recalcou.

Os membros do ClubUE María Fernández, Carmen Lavandeira, Paula Fernández, Mariña Fernández, Carmen Abalde, Lúa Figueroa, Nerea Ruanova, Alejandro Álvarez, Andrea Peiteado e Pablo Ferrín compartiron máis de 200 publicacións e historias durante dúas semanas dende as súas contas de Instagram. En total, superaron as 27.000 visualizacións e chegaron a un público estimado de 3.000 mozos e mozas.

Durante a campaña #EmbajadorxsEYY2022, os e as participantes dedicaron, como mínimo, unha publicación a falar de programas europeos como o Erasmus Plus, o Erasmus for Young Entrepreneurs, o Corpo Europeo de Solidariedade, as iniciativas EU Youth Dialogue e o European Youth Event, a Garantía Xuvenil, a rede EURES e o concurso DiscoverEU. Tamén explicaron o Ano Europeo da Xuventude que se celebra neste 2022 e o seu mapa de actividades dispoñible en liña.

Os mozos e mozas tamén tiveron a oportunidade de ter un encontro dixital con persoal de comunicación da Representación da Comisión Europea en España e con compañeiros e compañeiras embaixadores polos centros EUROPE DIRECT de Ciudad Real e Maestrazgo, que colaboran con EUROPE DIRECT A Coruña nesta campaña.

Os participantes dispoñen agora dun Interrail Global Pass, que permite viaxar sete días en tren por Europa dentro do prazo dun mes, que poden empregar ata finais de xullo de 2023.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web: https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2022/embajadores-del-ano-europeo-de-la-juventud#