Estás en:Novas

Bombeiros do Consorcio Provincial Contraincendios combaten o lume en Boiro e Ribeira

O deputado provincial Blas García desprazouse esta mañá ata o Posto de Mando Avanzado, onde se están centralizando os labores de extinción

García enxalzou o traballo dos efectivos, agradecendo o "enorme esforzo que están realizando para minimizar os danos"

Bombeiros do Consorcio Provincial Contraincendios combaten o lume en Boiro e Ribeira

Preto de 20 efectivos do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña están traballando para sufocar o incendio forestal orixinado en Cures, no Concello de Boiro. O deputado responsable da área de Emerxencias, Blas García, desprazouse, esta mañá, ata o Posto de Mando Avanzado (PMA) de Ribeira, desde onde se están centralizando todas as tarefas para extinguir o lume.

García, que estivo acompañado pola deputada Sandra García e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, enxalzou o "papel fundamental" que se está realizando desde o Consorcio Provincial para minimizar os danos do lume. Nas tarefas de extinción están intervindo bombeiros de Boiro, Ribeira, Betanzos, Cee e, ademais, está prevista tamén a chegada de efectivos do parque de Arzúa. García agradeceu "o enorme esforzo que están realizando para minimizar os danos", tamén coa colaboración dos GES e dos efectivos de Protección Civil da comarca.

O deputado provincial incidiu en que a "colaboración e cooperación entre as distintas administracións é fundamental para garantir unha mellor extinción e prevención de incendios".

O lume iniciouse no municipio boirense, estendéndose aos da Pobra do Caramiñal e Ribeira, e afectando a unhas 1.200 hectáreas de monte ata o de agora.