Estás en:Novas

Os Xogos Florais de Betanzos 2022 comenzarán o 26 de agosto coa presentación da revista dixital ‘A Cousa’

Ese mesmo día está programado o espectáculo 'A drag pandereteira', no que MEIGA-i conta e canta a súa historia a través do folk galego desde unha perspectiva 'drag'.

A área provincial de Normalización Lingüística pechou o cartel dos Xogos, enmarcados no Ano Faraldo 2022 e que, neste ano do bicentenario do nacemento do escritor e xornalista betanceiro, inclúen propostas como o II Slam de poesía, un desfile do traxe tradicional de Galiza e actuacións musicais

Os Xogos Florais de Betanzos 2022 comenzarán o 26 de agosto coa presentación da revista dixital ‘A Cousa’

Xa se coñece o programa completo dos Xogos Florais de Betanzos 2022, unha iniciativa do departamento de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e do Proxecto Pesquedellas, con quen colaboran o Concello de Betanzos e o Café Lanzós desa localidade. O Xogos comezarán o 26 de agosto no Claustro de Santo Domingo, onde as 20 horas se celebrará o coloquio de presentación da revista dixital 'A Cousa', que en 2021 gañou a Bolsa Nacho Mirás do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. "Trátase", salientan os organizadores, "dun proxecto moi centrado no audiovisual no que catro xornalistas de vinte e poucos anos falan do que fala todo o mundo ao seu arredor e comparten inquedanzas, consellos e experiencias".

Ese mesmo día 26, e tamén do Claustro de Santo Domingo, ás 21 horas, está programado o espectáculo 'A drag pandereteira', no que a pandereteira MEIGA-i conta e canta a súa historia a través do folk galego desde unha perspectiva 'drag'.

Esta nova edición dos Xogos Florais incorporarán a gran figura do escritor e xornalista Antolín Faraldo, nado en Betanzos hai douscentos anos. Na súa honra convocáronse un concurso de xornalismo cultural e a segunda edición do Slam de poesía, para menores de 35 anos, "co obxectivo de enxalzar a creación cultual e literaria e o patrimonio cultural galego en lugares patrimoniais con importancia histórica para a vida cultural betanceira", segundo a organización. As bases dos dous certames pódense consultar e descargar na seguinte ligazón: https://linktr.ee/proxectopesquedellas

Os Xogos Florais de Betanzos 2022 poñen o foco este ano na mocidade. "Foron", explican os promotores, "encontros literarios nos que diversos autores presentaban obras ou composicións cunha finalidade artística pero tamén con vontade de defender a lingua e a cultura galegas, propiciando así o Rexurdimento das letras galegas". "Este foi, seguramente", "engaden", "o evento de creación literaria que máis importancia tivo na vila de Betanzos, razón pola cal, a asociación quere recuperalo e mantelo como evento fundamental. Lamentablemente, na actualidade o uso do galego entre a xuventude é minoritario, polo que dende a Asociación Pesquedellas decidimos impulsar uns novos Xogos Florais por conter esta tradición os valores que defendemos dende a nosa asociación, mais decidimos enfocala á xuventude e adaptala aos tempo de agora".

Programa

VENRES 26 DE AGOSTO
20 horas (Claustro de Santo Domingo). Acto inaugural Xogos Florais 2022: coloquio e presentación do proxecto 'A Cousa'.
21 horas (Claustro de Santo Domingo). Espectáculo de MEIGA-i: 'A drag pandereteira'.

SÁBADO 27 DE AGOSTO
12 horas (Café Lanzós). II Slam de poesía.
20 horas (Praza da Constitución). Desfile do traxe tradicional da man de O Sarillo.
21 horas (Praza da Constitución). Actuación de música tradicional de Donner e os Kebabs.

DOMINGO 28 DE AGOSTO
12 horas (Praza da Constitución). Entrega de premios dos Xogos Florais. Actuación musical de A Tajea. Día do Enxalzamento do Traxe Galego.

Páxinas suxeridas