Estás en:Novas

A Deputación da Coruña achega 1,5 millóns de euros para financiar as actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia no ano 2022

Financia o 70% do orzamento da súa programación, que permitirá levar a música da OSG aos concellos da provincia

Formoso destacou que o apoio da Deputación permitirá levar a música da OSG a diferentes concellos da provincia e achegar a música clásica aos máis pequenos

Inés Rey destacou a contribución do organismo provincial por facer que o proxecto da Sinfónica siga medrando e chegue á cidadanía e ao resto de Galicia

A Deputación da Coruña achega 1,5 millóns de euros para financiar as actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia no ano 2022

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinaron hoxe o convenio co Consorcio para a Promoción da Música da Coruña, co obxectivo de financiar o programa de actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) durante o ano 2022. No acto participou tamén o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O convenio supón unha importante achega económica de 1,5 millóns de euros por parte da Deputación que permitirá que as distintas agrupacións da Orquestra Sinfónica de Galicia sigan levando a súa música aos concellos da provincia a través dos diferentes concertos programados, a realización de actividades para apoiar o sector musical, agrupacións e músicos locais, o financiamento da Orquestra Nova, da Orquestra de Nenos e Coros da OSG na provincia.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que se trata dun "convenio importante para a cidade e a provincia da Coruña" e subliñou o labor da OSG, "un referente en Galicia no seu ámbito, que grazas a esta axuda levará a súa música a numerosos concellos coruñeses e permitirá achegar as grandes obras da música clásica a públicos de todas as idades en toda a provincia".

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apuntou que "a Orquestra Sinfónica é un referente para a música e a cultura non só na Coruña, senón en toda Galicia", e agradeceulle, un ano máis o compromiso da Deputación cun proxecto único a nivel nacional. Rey pediu, un ano máis, unha maior implicación económica da Xunta de Galicia no financiamento dunha formación que ten proxección internacional.

A alcaldesa agradeceu a contribución da Deputación para que o proxecto da Sinfónica medre e chegue á cidadanía da Coruña, mais tamén ao resto de Galicia. "A OSG non é só un referente na cultura, senón tamén na educación musical, que permitiu que centos de novos músicos e músicas tiveran unha formación e mesmo unha saída profesional que, doutro xeito, terían que buscar fóra de Galicia".

O programa inclúe a realización de concertos da OSG previstos durante 2022, os 27 de abono na cidade da Coruña, ademais doutros en Ferrol, Santiago, e noutras localidades da provincia que aínda están por determinar. Ademais, o acordo servirá para financiar colaboracións como a do Festival Resis 2022.

O acordo inclúe tamén o financiamento das actuacións da Orquestra Nova e a Orquestra de Nenos na Coruña e Vimianzo.

Páxinas suxeridas