Estás en:Novas

O campo das Cancelas de Santiago acolle esta fin de semana o primeiro Trofeo Alevín de fútbol 8 da Deputación da Coruña

Neste torneo, organizado en colaboración coa Federación Galega de Fútbol e a SD Compostela, participarán durante tres días 336 nenos e nenas de 24 equipos da provincia

Haberá actividades paralelas de ocio que impulsarán a participación e a socialización

Na presentación institucional Cristina Capelán destacou que "para nós, como institución ao servizo da cidadanía, é obrigado fomentar entre os máis pequenos valores como o esforzo, a perseverancia, a amizade ou unha vida activa"

O campo das Cancelas de Santiago acolle esta fin de semana o primeiro Trofeo Alevín de fútbol 8 da Deputación da Coruña

O campo das Cancelas de Santiago de Compostela acolle desde hoxe, venres 16 de setembro, e durante o sábado 17 e o domingo 18 de setembro, o primeiro Torneo Alevín F-8 Deputación da Coruña, organizado en colaboración coa Federación Galega de Fútbol e a SD Compostela.

Hoxe tivo lugar na sede provincial a presentación institucional do torneo, na que participaron a deputada de Deportes, Cristina Capelán, a concelleira de Deportes de Santiago, Esther Pedrosa e o xerente da SD Compostela, Miguel Fernández.

Cristina Capelán destacou que "para nós, como institución ao servizo da cidadanía, é obrigado fomentar entre os máis pequenos valores como o esforzo, a perseverancia, a amizade ou a aposta por unha vida activa saudable". "Por iso a aposta polo deporte de base é imprescindible", afirmou.

O trofeo celebrarase en formato de Fútbol-8 mixto para categoría alevín (nados nos anos 2009 e 2010). Na cita participarán un total de 336 nenos e nenas de 24 equipos da provincia. "Estou segura de que moitos destes rapaces e rapazas que hoxe xogan xuntos ao fútbol forxarán, ao redor do balón, unha amizada que perdurará toda a vida", indicou Capelán.

A deputada tamén fixo referencia á repercusión económica que terá este evento para a cidade xa que "Santiago será un fervedoiro de xente esta fin de semana" porque "ademais dos participantes, as rúas da cidade compostelá encheranse coas familias dos nenos e nenas, que vibrarán e desfrutarán con cada partido". "Temos un emprazamento inmellorable por estar ao carón da cidade monumental, o que fará que estas familias poidan desfrutar dunhas xornadas de ocio, esparexemento e deporte, a partes iguais, na capital de Galicia", salientou.

Sistema de competición

Cristina Capelán detallou o sistema de competición, que terá unha liguiña inicial de catro equipos por grupo e posteriormente eliminatorias divididas entre cadro principal e cadro secundario, en función da clasificación conseguida. Os dous primeiros pasarán á disputa das eliminatorias na parte principal do cadro e os terceiros e cuartos clasificados pasarán á parte secundaria deste, co obxectivo de que todos os equipos disputen o mesmo número de encontros.

Ademais, "para que a xornada sexa aínda máis entretida para todos eles, programamos actividades de lecer paralelas, que estarán a disposición de todas as persoas que se acheguen ata o campo das Cancelas", engadiu.