Estás en:Novas

Formoso insta a “non baixar a garda na loita contra o narcotráfico” na inauguración das xornadas da Fiscalía Antidroga en Mariñán

O presidente da Deputación lembra "a etapa de destrución social enorme" provocada polos efectos da droga e o narcotráfico en Galicia e pide usar "todos os recursos e mecanismos da xustiza e o Estado de Dereito para que non se volva producir"

O acto inaugural contou co fiscal xeral do Estado, Álvaro García, a fiscal xefa da Fiscalía Antidroga, Rosa Ana Morán e o conselleiro de Xustiza, Diego Calvo

Formoso insta a “non baixar a garda na loita contra o narcotráfico” na inauguración das xornadas da Fiscalía Antidroga en Mariñán

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, a fiscal xefa da Fiscalía Especial Antidroga, Rosa Ana Morán, e o conselleiro de Xustiza da Xunta de Galicia, Diego Calvo, entre outras autoridades, participaron hoxe no Pazo de Mariñán (Bergondo) na inauguración dunhas xornadas da Fiscalía Especial Antidroga baixo o título "La recuperación de activos en los delitos de tráfico de drogas y blanqueo de capitales procedentes del narcotráfico".

No seu discurso inaugural, Formoso felicitou a Ana Rosa Morán, primeira muller á fronte da Fiscalía Antidroga, e lembrou "a etapa de destrución social enorme" provocada polos efectos da droga e o narcotráfico en Galicia.

Neste sentido, instou a Fiscalía a "non baixar a garda na loita contra o narcotráfico" e a "usar todos os mecanismos da xustiza e o Estado de Dereito para que esa foto non se volva producir".

O presidente da Deputación deu a benvida aos fiscais de toda España que durante tres días se reunirán en Mariñán e lembrou o papel do pazo da Deputación como espazo de debate e reflexión.

Neste sentido, o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, sinalou que o narcotráfico "es un cáncer social y económico, un cáncer también sanitario y un cáncer en la educación de nuestros hijos" e incidiu en que a recuperación de activos provenientes do narcotráfico é unha prioridade da Fiscalía española. "Buscamos poder utilizar todas las herramientas a nuestro alcance: teconólogicas, humanas y de cooperación internacional", afirmou.

Tanto o fiscal xeral do Estado como a fiscal xefa da Fiscalía Antidroga sinalaron que esperan converter Mariñán nun "foro permanente de debate y reflexión" da Fiscalía, cun encontro anual grazas á colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, que xa fai posible a celebración de encontros como as Escolas de Verán do Ministerio Fiscal e do Poder Xudicial.