Estás en:Novas

A Deputación da Coruña entregará oito vehículos para entidades sociais da provincia

Agalure, ONG Senvalos, ASPANAES, AMBAR, ONG Mestura, A Xanela, ACEM, e Agadea son os beneficiarios deste programa, para o que se invisten 250.000 euros

A Deputación da Coruña entregará oito vehículos para entidades sociais da provincia

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a listaxe provisional de oito entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia beneficiarias do programa para a adquisición e cesión de vehículos.

Agalure, ONG Senvalos, ASPANAES, AMBAR, ONG Mestura, A Xanela, ACEM, e Agadea son as beneficiarias provisionais desta convocatoria, para a que a Deputación destinou entre 22.000 e 38.000 euros para a adquisición de cada un destes vehículos, catro deles adaptados para usuarios e usuarias en cadeira de rodas.

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destacou que "son unha ferramenta imprescindible para este tipo de entidades sociais, xa que facilitan o transporte diario dos seus usuarios e usuarias aos centros de día e centros ocupacionais nos que realizan diferentes terapias e actividades", explicou.

A concesión realizouse en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para a puntuación criterios obxectivos coma a antigüidade da entidade, a calidade na atención, o número de usuarios/ que atende e a súa procedencia, etc.

Páxinas suxeridas