Estás en:Novas

A Deputación da Coruña expón a súa liña de apoio a festivais de arte pública no Placemaking Week Europe de Pontevedra

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou nunha mesa redonda baixo o título "Recrear o espazo público. A arquitectura e a creatividade como estratexia", conxuntamente co concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Xaquín Moreda, a técnica de Turismo de Carballo, Maite Parga, a muralista de Cestola na Cachola, Xoana Almar, e o xornalista Alejandro Espiño

A área de Turismo da Deputación completa a súa participación na Placemaking Week Europe financiando un mural no barrio de San Antoniño, realizado polo muralista Miguel Peralta

A Deputación da Coruña expón a súa liña de apoio a festivais de arte pública no Placemaking Week Europe de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, presentou esta mañá a liña de apoio provincial aos festivais de arte público no marco do Placemaking Week Europe que, nesta edición, se está celebrando en Pontevedra. Regueira participou na mesa "Recrear o espazo público. A arquitectura e a creatividade como estratexia", moderada polo xornalista Alejandro Espiño, e na que tamén interviron o concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Xaquín Moreda, a técnica de Turismo de Carballo, Maite Parga, e a muralista da cooperativa Cestola na Cachola, Xoana Almar.

Xosé Regueira explicou que desde o departamento provincial de Turismo se creou unha liña de apoio a festivais de arte pública na que participan eventos deste tipo de concellos como Ordes, Cambre, Ferrol ou Carballo, co obxecto de "dotar de identidade a espazos urbanos que perderan parte da súa identidade propia". Como exemplo, utilizou os modelos de Carballo e do barrio de Canido, en Ferrol, para explicar "como un lugar que era paradigma de feísmo como era co caso de Carballo, ou un barrio en decadencia como era Canido, conseguen a través da arte mural mellorar a calidade da vida da veciñanza, darlle máis vida e alegría ao espazo público e acabar creando un museo de arte pública ao aire libre".

Na mesma liña, Maite Parga fixo un percorrido por os todos anos de vida do festival "Derribando muros" de Carballo e fixo fincapé no "diálogo que se produce entre artistas, propietarios e propietarias das vivendas intervidas e a veciñanza en xeral". A técnica de Turismo amosou imaxes de interaccións entre muralistas e veciñanza durante os días en que se desenvolve o festival, máis tamén como as obras continúan formando parte da vida diaria da vila máis aló do evento en si, a través de visitas guiadas, fotografías de veciñanza e visitantes e, mesmo, en reproducións das obras para cacharelas de San Xoán.

Pola súa banda, Xaquín Moreda explicou o proxecto do departamento municipal de Urbanismo de 'Diagnose de mellora da paisaxe urbana', mediante o que se identificaron os elementos que distorsionan a paisaxe da cidade. Un plan que, segundo Moreda, "servirá de punto de partida para planificar unha intervención uniforme sobre estes elementos". Neste sentido, indicou que xa se están a realizar algunhas intervencións en muros de contención a través das concellarías de Cultura e a de Xuventude. Tamén lembrou a intervención realizada nunha medianeira a carón do estadio de Pasarón, na que o muralista Yoseba Muruzábal inmortalizou á 'Señora Lola'.

Xoana Almar, amosou e describiu parte dos murais que a cooperativa Cestola na Cachola leva realizado por todo o territorio galego e mesmo en lugares como Portugal, Valencia ou Extremadura, así como as técnicas que soen utilizar entre as que destacou a pintura acrílica, o xiz e o esgrafiado. Precisamente, outro dos muralistas integrantes de Cestola na Cachola, Miguel Peralta, é o autor do mural que vén de rematar no barrio de San Antoniño, e financiado pola Deputación da Coruña no marco da súa participación na Placemaking Week Europe.

A Placemaking Week Europe, que comezou o martes e rematará mañá, está a reunir en Pontevedra ao redor de 400 profesionais relacionados con distintos aspectos da planificación urbana, desde a arte, a saúde, a inclusión, a participación social e a política. Trátase dun Congreso que se celebrou en Ámsterdam por vez primeira en 2017 e que tivo as seguintes edicións en Estocolmo e Valencia. Esta edición de 2022 está a ser a primeira tras a pandemia e conta coa participación de diferentes institucións galegas e de expertos expertas de toda Europa, Asia e Estados Unidos.