Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación financia con 111.000 euros a pavimentación das rúas anexas ao campo de fútbol das Redondas, en Cabana de Bergantiños

A actuación inclúe tamén a creación de sendas peonís, a execución de 37 prazas de aparcamento e a renovación dos servizos

O Plan Único da Deputación financia con 111.000 euros a pavimentación das rúas anexas ao campo de fútbol das Redondas, en Cabana de Bergantiños

Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, o proxecto para a pavimentación das dúas vías anexas ao campo de fútbol das Redondas, na parroquia de Cesullas do Concello de Cabana de Bergantiños.

A actuación, na que a Deputación inviste 111.088 euros, ten o obxectivo de mellorar a seguridade viaria na zona, dotar os veciños e veciñas de máis servizos e, ademais, habilitar prazas de aparcamento tanto para os usuarios e usuarias do campo de fútbol como para os residentes.

Así, por unha banda, actuarase na rúa paralela ao campo de fútbol, que se pavimentará e na que se habilitará unha senda peonil de 1,80 metros de ancho e un aparcadoiro en liña con 26 prazas de aparcamento. Ademais, colocaranse os seguintes servizos: recollida de pluviais e fecais, sistema separativo de augas sucias, canalización de abastecemento, de obra civil de baixa tensión e da iluminación pública.

Pola outra, o proxecto tamén contempla a renovación da vía que vai desde o campo de fútbol ata a estrada AC-249, na que se renovará o firme e se executará unha senda peonil de 1,80 metros de ancho e un aparcadoiro de 11 prazas. Tamén será necesaria a canalización de pluviais, o soterramento da liña de iluminación, a previsión da canalización de telecomunicacións, a instalación de acometidas de baixa tensión e a retirada duns postes que actualmente están situados no medio da vía.

O proxecto está a licitación pública no perfil do contratante e poden presentarse ofertas ata o 7 de novembro.