Estás en:Novas

A Deputación da Coruña forma ao seu persoal na atención ás persoas con discapacidade

A Deputación da Coruña forma ao seu persoal na atención ás persoas con discapacidade

Persoas traballadoras da Deputación da Coruña e de concellos da provincia asistiron a unha formación organizada durante este ano pola institución provincial, co fin de que o seu cadro de persoal coñeza as pautas adecuadas na atención e o trato dirixido ás persoas con discapacidade. En total, foron 61 as persoas que se formaron nestas xornadas que foron presentadas por Paula Filgueiras, técnica da área de Benestar Social encargada deste proxecto.
Este programa, que constou de cinco módulos formativos, dálle continuidade ao proxecto Di Coruña Accesible, levado a cabo pola área de Benestar Social en 2019, e que se retomou coa finalidade de seguir promovendo accións que garantan a igualdade entre todas as persoas, independentemente da súa condición.
No marco do proxecto desenvolvido, abordouse a creación dun protocolo específico de atención ás persoas con discapacidade dentro da Deputación, que se materializou na creación de seis guías que recollen pautas, recomendacións e exemplos de actuacións a levar a cabo. A primeira destas guías recolle pautas xerais, e as cinco restantes son máis específicas, versando sobre pautas a seguir na atención directa coa persoa, na atención telemática, na xestión e soporte interno, no fomento das actividades e na comunicación e a divulgación.
Este proxecto, realizado por Combina Social, Centro Especial de Emprego de Iniciativa Social promovido por COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), iniciou na primavera deste ano, tras unha análise pormenorizada de todos os servizos que presta a Deputación, onde se identificaron e concretaron as necesidades relacionadas coa atención ás persoas con discapacidade.

Páxinas suxeridas