Estás en:Novas

A artista vasca Myriam Gesalaga gaña o Premio Jesús Núñez de arte gráfica da Deputación

O xurado concedeu os dous accésits a Fátima Conesa e a Claudia Regueiro. Nesta edición presentáronse un total de 140 obras

A artista vasca Myriam Gesalaga gaña o Premio Jesús Núñez de arte gráfica da Deputación

A artista vasca Myriam Gesalaga coa súa obra "Ikatz/Harri II" é a gañadora do XVII Premio Internacional de arte gráfica convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

A obra de Myriam Gesalaga foi escollida por un xurado composto por David Arteagoitia García, Nuria Blanco Santiago, Ann Heyvaert, Javier Marín Jiménez e María Meijide Fraga –gañadora da anterior edición-, e presidido polo responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, coa xefa de Servizo de Acción Cultural, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz como secretaria. Na xuntanza, celebrada na Fundación CIEC de Betanzos, tamén estiveron presentes o presidente da Fundación CIEC, Jesús Núñez, o director da Fundación e asesor do premio, Pedro González Galilea, e a administrativa da Fundación, María Sánchez.

A obra "Ikatz/Harri II" foi escollida como gañadora entre as 140 obras presentadas nesta edición e o xurado salientou no seu ditame que "se trata dunha serigrafía na que destaca a adecuación entre o discurso e a técnica elixida para elaborar unha imaxe con moita potencia e á mesma vez elegante e suxestivo".

O xurado decidiu conceder os dous accésits a Fátima Conesa, pola súa obra "El mar recordó" e a Claudia Regueiro, por "s/t (open letter)", que se beneficiarán dunha Bolsa de Formación nun Curso do Máster sobre obra gráfica que organiza a Fundación CIEC.

O director da Fundación CIEC, Pedro González Galilea, aproveitou a xuntanza do xurado para poñer en valor a convocatoria do premio e "agradecerlle á Deputación que manteña este certame de xeito ininterrompido desde 2006, conseguindo que sexa un referente no campo da obra gráfica".

Páxinas suxeridas