Estás en:Novas

“A fotografía nas coleccións locais” protagoniza a vindeira xornada ‘A Cultura é un Dereito’ da Deputación

Celebrarase no auditorio A Fábrica, do Concello de Oleiros, os días 11 e 12 de novembro, e o prazo de inscrición estará aberto desde mañá, 26 de outubro, ata o 10 de novembro

“A fotografía nas coleccións locais” protagoniza a vindeira xornada ‘A Cultura é un Dereito’ da Deputación

Desde mañá, 26 de outubro, e ata o 10 de novembro estará aberto o prazo de inscrición para asistir ás xornadas "A fotografía nas coleccións locais", que se celebrarán no auditorio A Fábrica, do Concello de Oleiros, os días 11 e 12 do mes que vén. Trátase doutra das iniciativas de "A Cultura é un dereito", un dos programas do departamento de Cultura da Deputación da Coruña para a mellora social mediante a colaboración, desde a proximidade, cos diferentes axentes e actores culturais da sociedade galega.

A asistencia é de balde e o aforo limitado. Todas as intervencións, que contarán cun servizo de interpretación de lingua de signos, retransmitiranse en directo a través da canle de Youtube de Cultura Deputación da Coruña. A inscrición á xornada debe realizarse a través do formulario habilitado para tal fin na páxina web: www.aculturaeundereito.gal. Emitirase un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que asistan ao 75 por cento das xornadas.

"A xestión de coleccións fotográficas, presentes en practicamente todas as institucións", explica a comisaria das xornadas, Andrea Serodio Domínguez, "non sempre recibe a mellor atención por parte destas, especialmente as locais, sempre carentes dos medios materiais ou persoais que estas coleccións precisan". "Por iso", engade, "a conservación preventiva das coleccións é vital para adiar o máximo posible o deterioro e evitar a necesidade de abordar custosas restauracións. Iniciativas como estas xornadas, organizadas polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña axudan sen dúbida a facer máis fácil este importante labor".

Páxinas suxeridas