Estás en:Novas

Cultura da Deputación leva ao Teatro Colón un espectáculo multidisciplinar sobre o fotógrafo José Suárez

Trátase dun concerto de música escrita para guitarra eléctrica, arpa e teclado que inclúe unha montaxe de vídeocreación en vivo con fotografía orixinal dixitalizada

As entradas, de balde, poden retirarse na páxina web do Colón

Cultura da Deputación leva ao Teatro Colón un espectáculo multidisciplinar sobre o fotógrafo José Suárez

O Teatro Colón acollerá o 16 de novembro, ás 20 horas, unha nova proposta apoiada polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña. "José Suárez: Suite para unha vida" é o título do espectáculo, un concerto de música escrita para guitarra eléctrica, arpa e teclado que inclúe unha montaxe de vídeocreación en vivo con fotografía orixinal dixitalizada.

O proxecto conta coa dirección artística do músico Rafael Fernández, con quen colabora o sobriño do histórico fotógrafo galego nacido en Allariz, Xosé Luis Suárez Canal. Sobre o escenario estarán o propio Fernández e Virxilio da Silva (guitarras eléctricas), Bleuenn Le Friec (arpa) e Álex Salgueiro (teclados), axudados por Iván Torres (visuais) e Fon Botana (son).

"A nosa idea", explican os creadores, "é a de homenaxear a  vida e a obra de José Suárez, talvez o fotógrafo galego máis recoñecido internacionalmente. Durante o espectáculo, o público asistirá a un percorrido en catro partes pola vida e obra do artista: Galicia e as fotografías de mariñeiros, o exilio, a súa estadía en Xapón e o seu regreso a España e morte".

"Cada un deses camiños", engaden, "está pensado para ofrecer unha dimensión maior do que foi a vida e a obra de Suárez. Farémolo grazas a unha música atmosférica e por momentos descritiva, sustentada e inspirada nas fotografías. Tamén empregaremos pequenos fragmentos de textos do propio Suárez, así como doutros intelectuais do seu tempo cos que se relacionou, entre eles Unamuno e Blanco Amor".

As entradas, de balde, poden retirarse na páxina web do Teatro Colón.