Estás en:Novas

O Pazo de Mariñán acolle esta semana a estadía creativa de Mario G. Cortizo ao abeiro das Residencias Artísticas de Cultura

Mario G. Cortizo, que está acompañado polo dramaturgo Marc Rosich e a escenógrafa Ana Inés Jabares, recibirá a asesoría técnica de Andrea Jiménez, Nacho López e Jordi Fosas para a preparación do seu proxecto

O Pazo de Mariñán acolle esta semana a estadía creativa de Mario G. Cortizo ao abeiro das Residencias Artísticas de Cultura

O Pazo de Mariñán está acollendo durante toda esta semana a terceira das estadías creativas programadas ao abeiro das Residencias Artísticas que organiza o departamento de Cultura da Deputación da Coruña. O percusionista e artista sonoro Mario G. Cortizo —quen toma o relevo de Caamaño&Ameixeiras e de Berto, os músicos e músicas que participaron nas dúas primeiras quendas— preparara o seu novo espectáculo, unha ponte entre a percusión tradicional e música contemporánea. Na proposta, avalada por coproducións internacionais, colaboran artistas galegos no ámbito da escenografía.

Mario G. Cortizo, a quen acompañarán estes días en Mariñán o dramaturgo Marc Rosich e a escenógrafa Ana Inés Jabares, recibirá a asesoría técnica de Andrea Jiménez, consultora de movemento e profesora no Conservatori Professional i Superior de Dansa de Barcelona e no Centre D'Arts Tradicionais; Nacho López, consultor para o deseño de son, con máis de 25 anos de experiencia como músico en formacións como Jarbanzo Negro e tocando con artistas como Manu Chao, Ojos de Brujo ou Fanfarre Ciocarla; e Jordi Fosas, consultor para a distribución en feiras e circuítos profesionais, e que é o actual director artístico da Fira Mediterrànea de Manresa, a única feira profesional especializada en cultura popular e creación contemporánea, tanto para música como para artes escénicas. A estas asesorías sumarase unha sobre distribución e comunicación.

"Levo traballando neste espectáculo dous anos, en diferentes fases", comenta Cortizo. "Por unha parte", engade, "na creación do concepto e a escritura dos textos, con Marc; e por outra, no deseño da escenografía e da estética, con Ana Inés". En paralelo a esa labor, Cortizo foi compoñendo toda a música e construíndo cun lutier todos os instrumentos que empregará no espectáculo. "Os instrumentos", explica, "actívanse con dispositivos electrónicos e automatismos, para transmitir a dualidade entre o electrónico e o orgánico que fai de fío condutor da creación".

A de Xacobe Martínez Cuarteto Federal será, entre o 21 e 27 de novembro, a cuarta proposta seleccionada polo xurado das Residencias Artísticas Mariñán, que inclúen a dotación material necesaria para o desenvolvemento do proxecto e a manutención e aloxamento para as persoas participantes. As Residencias tamén van acompañadas dun seguimento do proxecto por parte da comisaria, Aitana Cuétara, que ten por obxecto facilitar a viabilidade de cada un dos espectáculos e a súa inserción no contexto musical profesional, para o que se facilitará formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto e xuntanzas con axentes culturais e programadores.

Páxinas suxeridas