Estás en:Novas

Ana Lamas destaca “a traxectoria e o traballo que se fai en Íntegro, unha entidade que é referencia no eido social”

A deputada de Benestar Social participou hoxe no acto polo 30 aniversario da entidade e recolleu un recoñecemento á Deputación da Coruña pola súa colaboración activa

Lamas explicou que "levamos moitos anos aportando recursos económicos e capacidades para que poidan ir materializando o traballo e tamén as ilusións e as aspiracións da asociación"

"No mes de maio Valentín González Formoso estivo aquí para comprometer o apoio económico provincial para as obras de ampliación do centro", sinalou

Ana Lamas destaca “a traxectoria e o traballo que se fai en Íntegro, unha entidade que é referencia no eido social”

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, participou hoxe, sábado 12 de novembro, no acto polo 30 aniversario da Asociación Íntegro, con sede en Cabana de Bergantiños, onde recolleu un recoñecemento á Deputación da Coruña pola súa colaboración activa e que aproveitou para destacar "a traxectoria e o traballo" que leva a cabo "unha entidade que é referencia no eido social".

"O que facedes é dar calidade de vida nun sector onde a discapacidade limita pero non condiciona e tamén dar un futuro a cada unha desas persoas que son usuarias do centro", sinalou Ana Lamas, que explicou que "na Deputación da Coruña levamos moitos anos colaborando con Íntegro, dando recursos económicos e capacidades para que poidan ir materializando, pouco a pouco, non só o traballo que fan diariamente, que é enorme, atendendo a 45 familias, senón tamén as ilusións e as aspiracións da asociación".

A deputada, lembrou que "hai uns meses o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, estivo aquí para comprometer o apoio económico provincial para as obras de ampliación do centro" e que "ademais, nos últimos anos colaboramos con distintos proxectos, tanto de investimentos como de financiamento de programas levados a cabo por Íntegro, como as obras de reparación da cuberta, a creación dunha marquesiña e pintura interior, ou para a actividade diaria que se realiza no centro".

Durante a súa intervención Ana Lamas valorou a figura do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, xa que "todo isto sería imposible sen as persoas que forman Íntegro sen as persoas que apostaron por este proxecto hai 30 anos e que hoxe o manteñen vivo e con pulo, encabezadas polo Adolfo López Baña, alma desta entidade e que merece o maior dos aplausos".

"Meréceos porque Íntegro, ademais de supoñer un respiro familiar e unha oportunidade para os usuarios e usuarias, realiza unha labor de valor incalculable para a súa contorna, contribuíndo á dinamización do rural, creando emprego, innovando, apostando pola inserción laboral ou aplicando políticas de igualdade", afirmou.

Durante o acto, a entidade recoñeceu o traballo de diferentes empresas, persoas ou entidades. No ámbito social, Íntegro quixo poñer en valor o gran labor desempeñado polo persoal sanitario e sociosanitario, un galardón que recolleron María Verdes, enfermeira, socia e membro da entidade desde os seus inicios. e Vanesa Castiñeira, asistente persoal e profesional sociosanitaria; e tamén recoñeceu o traballo de Carmen Villanueva, unha das primeiras traballadoras de Íntegro, veciña de Nantón e na actualidade voluntaria da asociación. O recoñecemento empresarial recaeu en José Ramón Pombo Imia- de Autocares J.Pombo- por ser un dos colaboradores máis antigos da entidade que aposta pola inclusión laboral das persoas con discapacidade.