Estás en:Novas

Amador Castro Moure gaña o Premio Torrente Ballester

A obra, titulada "Pronto hei de volver" e presentada baixo o lema "Blam!", foi seleccionada por un xurado composto por Berta Dávila, Diego Giráldez, Montse Fajardo, Xina Vega e Raúl M. Santos

O xurado da modalidade do premio Torrente Ballester en lingua castelá acordou deixar o premio deserto

Amador Castro Moure gaña o Premio Torrente Ballester

A novela "Pronto hei de volver", presentada baixo o lema "Blam!", vén de alzarse como gañadora da XXXIV edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. A obra impúxose entre os 55 exemplares recibidos na modalidade de lingua galega, e, unha vez aberta a plica, o autor resultou ser Amador Castro Moure.

O xurado, que se reuniu esta mañá no Pazo de Mariñán, estivo composto por por Berta Dávila, Diego Giráldez, Montse Fajardo, Xina Vega e o gañador deste premio na edición 2021, Raúl M. Santos, e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Como secretaria actuou a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz, e tamén estivo presente a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira, sen voz e sen voto.

"Pronto hei de volver" é, segundo salientou o xurado no seu informe "unha novela moi interesante desde o punto de vista discursivo" e que "aborda o tema da emigración desde un punto de visa novidoso". Convén indicar que o autor, Amador Castro Moure, é un escritor galego nacido en Chantada pero afincado en Barcelona desde a nenez.

O xurado tamén anotou sobre esta obra que "destaca a elección da protagonista como unha identidade subalterna", mentres que sobre o estilo salientou "a súa prosa precisa, luminosa no uso da imaxe e hábil no uso do rexistro oral"

Tamén no Pazo de Mariñán se reuniu esta mañá o xurado do Premio Torrente Ballester en lingua castelá conformado por Marcos Giralt Torrente, Bibiana Candia, Gabriela Consuegra, Javier Peña e pola escritora gañadora deste premio na edición 2021 María Cureses. Tamén estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e actuou como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz. Nesta edición, e tras unha profunda deliberación, a modalidade do premio Torrente Ballester en lingua castelá quedou deserta.

Amador Castro Moure
Amador Castro Moure (Chantada, 1962) vive en Barcelona desde a nenez. É licenciado en Socioloxía e dedícase profesionalmente á informática.

Como autor ten publicado as novelas "Shanghai en Barcelona" coa que gañou o premio Xerais en 2019, "Pillabán, pillabán" (2018), e "Memorias de antes do encoro" (2013).

Tamén ten participado dúas obras colectivas: "Escolma da poesía galega 1976 – 1984" de Xosé Lois García; e "Ecos dos poetas de Chantada. Miscelánea do século XII ao XXI", de Xosé Lois García.