Estás en:Novas

O Reino de Galicia estará presente na Culturgal da man da Deputación da Coruña

Industrias Culturais cun stand propio dedicado a difundir e socializar o Reino Medieval de Galicia e os proxectos culturais que se desenvolveron ao abeiro da convocatoria do 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22'

O sábado 26, ás 12h no Espazo Infantil, a Deputación promove un concerto coas bandas e artistas que participan no certame "Quero Cantar"

O domingo 27, ás 14h no Espazo Libro, o deputado de Cultura presentará a obra gañadora do Premio Raíña Lupa, xunto coa autora Andrea Maceiras e a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira

O Reino de Galicia estará presente na Culturgal da man da Deputación da Coruña

O Reino Medieval de Galicia chegará esta fin de semana ao Culturgal da man da Deputación da Coruña. A área provincial de Cultura, que xestiona o deputado Xurxo Couto, contará nesta edición da Feira cun stand propio dedicado a difundir e socializar o Reino de Galicia tanto a través de materiais gráficos creados adhoc para esta ocasión, como amosando o resultado de varios dos proxectos premiados na convocatoria do 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22'.

Trátase do broche final ao primeiro ano da nova liña de traballo posta en marcha pola área de Cultura da Deputación que, ademais dos 20 proxectos premiados na convocatoria –que terá continuidade en 2023-, tamén vén de celebrar o primeiro congreso internacional na historia do país dedicado a dar a coñecer a etapa medieval galega. Así, as persoas que se acheguen ao stand da Deputación da Coruña poderán coñecer de xeito gráfico e rigoroso a extensión e cronoloxía do Reino de Galicia, a través de materiais de difusión como mapas ou un pequeno folleto a cargo do historiador Anselmo López Carreira, comisario do Congreso celebrado en setembro.

Ademais destes materiais divulgativos, no posto da Deputación tamén haberá mostras dos resultados de varios dos proxectos premiados ao abeiro do 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22', que poderán consultarse en formato físico e en liña a través de dispositivos a disposición do público.

Ademais do stand, Cultura da Deputación tamén participa con actividade propia na programación xeral da Feira. Así, o sábado 26, ás 1h no Espazo Infantil, terá lugar un concerto a carto das bandas e artistas que participan no certame 'Quero Cantar'; mentres que o domingo 27, ás 14h no Espazo Libro, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, participará na presentación da obra "Que se me pare o corazón se te esquezo", gañadora do premio Raíña Lupa, da man da autora Andrea Maceiras e da comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira.

Páxinas suxeridas