Estás en:Novas

A ciberquedada programada por Igualdade da Deputación para mañá reunirá o alumnado de 24 centros de secundaria

Conducida pola politóloga especializada en igualdade de xénero Priscila Retamozo, retransmitirase desde o IES Rosalía Mera e poderá seguirse na canle de YouTube da Deputación

Na web defronte.gal pódese ver desde hoxe o primeiro dos vídeos, protagonizados pola actriz Melania Cruz, para sensibilizar sobre diferentes situacións reais de violencia dixital e ofrecer ferramentas contra o ciberacoso, o 'sexting', a 'sextorsión' ou o 'grooming'

A ciberquedada programada por Igualdade da Deputación para mañá reunirá o alumnado de 24 centros de secundaria

A programación de 'DE FRONTE á violencia de xénero', a campaña do departamento de Igualdade da Deputación da Coruña arredor do 25N, ten esta semana dúas citas importantes. A primeira, mañá mesmo, cando se retransmita desde o IES Rosalía Mera unha ciberquedada na que participará o alumnado de 24 centros de secundaria da provincia. A segunda, o venres 25, será o acto institucional que se celebrará no IES Puga Ramón e ao que asistirán a deputada María Muíño e outros membros da Corporación provincial e persoal docente e alumnos e alumnas dese instituto.

Ademais, desde hoxe xa se pode ver na web da campaña defronte.gal o primeiro dos vídeos, protagonizados pola actriz Melania Cruz, para sensibilizar sobre diferentes situacións reais de violencia dixital e ofrecer ferramentas contra o ciberacoso, o 'sexting', sextorsión ou o 'groomin'. Este primeiro vídeo aborda a ciberviolencia de xénero e alerta sobre o abuso que algunhas persoas adultas practican en internet, usando por exemplo as redes sociais para acceder a alguén e xerar dependencia emocional, insultos, celos ou espiar as mensaxes e o móbil.

Mañá publicaranse o segundo vídeo, sobre o 'sexting' (ou mal uso de contido persoal erótico, coma fotos ou vídeos, que nunca se debe compartir sen o consentimento da outra persoa), e o terceiro, sobre o 'grooming' (cando un adulto se fai pasar por outra persoa para abusar ou acosar sexualmente nenas, nenos ou adolescentes). E o xoves compartirase o cuarto vídeo, que trata da 'sextorsión' ou desquite pornográfico (cando se ameaza a alguén, na maioría dos casos mulleres, con difundir contidos sexuais desa persoa, xa sexa por cartos, para conseguir novas imaxes ou simplemente por vinganza), un delito que sempre debe ser denunciado.

As violencias dixitais serán o fío condutor da quedada, conducida pola politóloga especializada en igualdade de xénero Priscila Retamozo, que se retransmitirá a partir das 10.30 horas desde o IES Rosalía Mera e se poderá seguir na canle de YouTube da Deputación (bit.ly/3GSRE9J). Participarán, ademais do anfitrión, estoutros 23 centros educativos coruñeses: IES Manuel Murguía (Arteixo), IES Leliadoura (Ribeira), IES de Brión (Brión), CPI Xanceda (Mesía), IES A Cachada (Boiro), IES Rafael Puga Ramón (A Coruña), IES Breamo (Pontedeume), IES Nº 1-Ribeira (Ribeira), CPI Ciaño Pequeno (Trazo), CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame), IES Alfredo Brañas (Carballo), IES ORDES (Ordes), IES Espiñeira (Boiro), IES Isaac Díaz Pardo (Sada), IES Rego de Trabe (Culleredo), IES de Pastoriza (Arteixo), CPI de Zas (Zas), IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes), IES Félix Muriel (Rianxo), IES Maximino Romero de Lema (Zas), CPI Pecalama (Tordoia), IES Cacheiras (Teo) e IES Camilo José Cela (Padrón).

O venres 25, ás 9.45 horas, no IES Puga Ramón, a deputada de Igualdade, María Muíño, realizará unha lectura institucional nun acto no que o alumnado do Conservatorio de Danza da Deputación estreará un espectáculo preparado para a ocasión.

Ademais dos vídeos protagonizados por Melania Cruz, na web defronte.gal recompílanse unha serie de recursos, de utilidade para familias, persoal educador e poboación moza, orientados a afondar no traballo contra a violencia machista. O profesorado dispón dunha guía de apoio para traballar na aula a través do xogo interactivo 'Que sabes das violencias dixitais?'. Nela pode atoparse unha fundamentación sobre a que se basea a necesidade de traballar a violencia de xénero nas clase e, concretamente, cos grupos de idade correspondentes a 4º, 5º e 6º de Primaria. Ademais, faise unha proposta de como aplicar o xogo na aula e facilítase unha explicación dos contidos que recolle.

Outras das actividades de "'DE FRONTE' son o obradoiro 'Que sabes de violencias dixitais?, que se impartirá o 29 de novembro na Asociación Ambar, e o programa de espectáculos 'Danza e liberdade', interpretado polo Conservatorio Profesional de Danza da Deputación, con estas datas e ás 19.30 horas en todas as citas:

• 30 de novembro, no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, Oleiros.
• 1 de decembro, no Auditorio Municipal Alovi das Pontes.
• 2 de decembro, no Auditorio Municipal de Rianxo.
• 3 de decembro, no Auditorio Municipal de Oroso.

A promoción comercial é outras das ferramentas que emprega Igualdade da Deputación para loitar este ano' contra a desigualdade de sexo. Repartirá 10.000 vasos co logo da campaña 'DE FRONTE' en centros educativos e na ciberquedada, co obxectivo de chamar a atención sobre a necesidade de que todas as persoas poidan gozar das bebidas por igual e con seguridade. "Trátase", comentan desde o departamento provincial, "de facer visibles os casos de submisión química que se están a producir nos últimos anos e do perigo que implican para a integridade física e emocional das mulleres".

Coa campaña 'DE FRONTE á violencia de xénero, a área de Igualdade da Deputación quere incidir na sensibilización e fomentar a reflexión entre a poboación moza, sobre todo tendo en conta a tecnoloxía como elemento facilitador das desigualdades de xénero e de prácticas de violencia machista.