Estás en:Novas

Xacobe Martínez prepara esta semana “Cuarteto Federal” na última das Residencias Artísticas Mariñán 2022

O contrabaixista está acompañado na súa estadía no pazo coruñés por Kike Perdomo, Javier Galiana e Guillem Arnedo para desenvolver un proxecto que ten a improvisación jazzística como fío condutor e que rematará coa gravación dun disco

Xacobe Martínez prepara esta semana “Cuarteto Federal” na última das Residencias Artísticas Mariñán 2022

A última das Residencias Artísticas Mariñán 2022 dedicadas á produción musical, de Cultura da Deputación, chegan á súa fin esta semana coa estadía de Xacobe Martínez. Ata o domingo, o contrabaixista compostelán preparará no pazo coruñés "Cuarteto Federal", un proxecto que ten a improvisación jazzística como fío condutor e que rematará coa gravación dun disco.

Martínez —membro de Sumrrá ou da Orquestra Galega de Liberación, entre outras formacións— está acompañado polo saxofonista canario Kike Perdomo, o pianista andaluz Javier Galiana e o baterista catalán Guillem Arnedo. Os catro, fundadores da Federación Española de Músicos Profesionales de Jazz, reúnense de novo nun dos formatos tótem do jazz contemporáneo —piano, batería, contrabaixo e saxo— para sacar adiante unha proposta que conta co apoio de certames e festivais do xénero.

Arredor da música composta por Martínez, "Cuarteto Federal" pretende aproveitar as particularidades musicais dos territorios dos catro instrumentistas, "lugares cun peso identitario moi grande que nos van aportar, seguro, moitas ideas, xas que os catro somos moi permeables a esas emocións", explica o contrabaixista.

O plan de traballo —arranxos e ensaio, a maioría do tempo—, completarase, como nas tres anteriores residencias —as de Caamaño&Ameixeiras, Berto e Mario G. Cortizo— con asesorías formativas. A de hoxe xoves, de dramaturxia e escena, é presencial e corre a cargo de Xesús Ron, membro fundador da compañía de teatro Chévere. Seguiranlle, o venres, por videoconforencia, as de distribución en festivais e circuítos especializados, con Julio Quintas, manager de Marco Mezquida e Andrea Motis; e a de comunicación especializada en jazz, con Armand Llàcer, responsable de comunicación dos festivais de jazz de València e de Peñíscola e director da Fira Trovam. A estadía rematará o domingo, ás 11.30 horas, cun pase do espectáculo, que se gravará coa colaboración de Xurxo Pinheiro, responsable de son das montaxes de Chévere.

As Residencias Artísticas Mariñán naceron este ano como un novo programa da área de Cultura da Deputación da Coruña, co obxecto de incrementar a súa liña de apoio á creación e complementar outras iniciativas xa existentes, como as convocatorias de premios correspondentes a un amplo abano de disciplinas artísticas.

Páxinas suxeridas