Estás en:Novas

A Deputación aproba mañá un investimento de 687.000 euros para as obras de ampliación da calzada e construción de beirarrúas na Cabana, en Ferrol

Esta terceira fase completará a creación dunha travesía ao longo DP-3612, que vai de Aneiros á Cabana, que tamén inclúe a creación de prazas de aparcamento

O proxecto aprobarase no pleno de mañá e coincide co remate da segunda fase das obras da Travesía de Serantes, que estarán completadas en decembro

A Deputación aproba mañá un investimento de 687.000 euros para as obras de ampliación da calzada e construción de beirarrúas na Cabana, en Ferrol

FOTO (Arquivo). O presidente e o alcalde de Ferrol no inicio das obras da segunda fase, agora a piques de rematar

A Deputación da Coruña levará este venres, 25 de novembro, ao pleno a aprobación do proxecto actualizado para a terceira fase das obras de ampliación da calzada e construción de beirarrúas na estrada DP-3612, que corresponde ao núcleo da Cabana, no Concello de Ferrol, e que conta cun orzamento de 687.080,27 euros. Este orzamento actualiza os prezos, cun incremento de 139.945 euros respecto ao anterior.

Esta actuación dará continuidade aos traballos realizados en Serantes, onde a primeira fase das obras xa está executada e a segunda fase a piques de rematar, estando previstas as últimas tarefas de pavimentación da vía no vindeiro mes de decembro.

Nesta nova fase, as obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 1+180, coincidindo coa intersección coa estrada a Balón, e 1+640 e incluirán a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho con beiravías de 0,5 metros e construción de beirarrúas de dous metros de ancho que contribuirán a mellorar a seguridade peonil nunha zona con numerosas vivendas que rexistra un intenso tráfico de vehículos.

O proxecto, que incorpora expropiacións, inclúe tamén a renovación dos servizos afectados (rede de saneamento e abastecemento de auga) e a instalación de nova iluminación con novas luminarias LED, máis eficientes e con menor consumo eléctrico que as actuais lámpadas de vapor de sodio.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou que coa aprobación desta última fase, a Deputación cumpre o compromiso adquirido coa veciñanza e co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, de completar unha obra longamente demandada pola veciñanza, creando unha travesía segura para os peóns ao longo de case 1,7 quilómetros, nunha zona onde existen numerosas vivendas pero que carece dunha plataforma segura para poder circular a pé.

Formoso anunciou que volverá en decembro á zona xunto coa alcalde de Ferrol para supervisar o fin dos traballos da segunda fase e explicar á veciñanza os detalles desta terceira.