Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aproba os primeiros 47 millóns do Plan Único 2023

O pleno aprobou por unanimidade as bases do POS+2023, o que lles permite aos concellos coñecer a asignación inicial da que disporán o vindeiro ano e planificar os seus propios orzamentos

O POS+2023 volve incluír unha partida de 7 millóns para financiar gastos de carácter social nos concellos

Os concellos poderán destinar os fondos a obras ou mantemento de servizos públicos (gasto corrente) e terán de prazo ata o 14 de febreiro para formular as súas propostas

A Deputación da Coruña aproba os primeiros 47 millóns do Plan Único 2023

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade de todos os grupos políticos as bases reguladoras e a achega inicial do Plan Único (POS+2023), un total de 47 millóns de euros que se distribúen con criterios obxectivos entre os 93 municipios da provincia

O Plan Único é o maior plan de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes de España, con achegas económicas aos municipios que, ao final do ano, representan entre 90 e 100 millóns de euros anuais, case a metade do orzamento da Deputación da Coruña. Ademais, permite que sexan os municipios os que decidan o destino de fondos en función das súas necesidades: obras e investimentos, mantemento de servizos públicos esenciais, gasto corrente, redución da débeda ou mantemento de servizos e axudas sociais.

"O Plan Único é unha ferramenta imprescindible para que os concellos poidan financiar obras e servizos que melloran a vida da cidadanía en todos os concellos da provincia", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou que a aprobación desta primeira achega do POS+2023 en novembro "permítelles aos concellos coñecer xa a asignación inicial que lles corresponde o vindeiro ano e planificar mellor os seus propios orzamentos".

Formoso subliñou tamén "a capacidade de adaptación do POS+ ao difícil escenario socioeconómico dos últimos anos", prestando apoio aos concellos ante situacións tan graves como as que temos vivido coa a pandemia e a crise de prezos derivada da Guerra de Ucraína.

Neste sentido apuntou que, en 2022, o Plan Único incorporou a posibilidade de incluír a revisión de prezos debido á alza dos prezos de combustibles e materias primas no sector da construción e que, desde a pandemia, inclúe un Fondo Social destinado ao financiamento de programas sociais municipais que apoian aos colectivos máis desfavorecidos.

O vicepresidente e responsable da área de Plans provinciais, Xosé Regueira, destacou que o Plan Único "volve medrar" e "afonda na autonomía municipal, adaptándose ás necesidades dos concellos". "Esperamos que a finais de ano o POS+2023 volva roldar os 100 millóns de euros", afirmou o vicepresidente.

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, subliñou que se mantén un POS Social de 7 millóns de euros para gastos sociais que os concellos poden destinar a cuestións como o reforzo dos servizos de asistencia no fogar para dependentes e persoas maiores, programas de conciliación familiar e laboral ou axudas directas ás familias máis vulnerables. "Os concellos son a primeira porta á que acude a cidadanía cando ten dificultades", afirmou Lamas, que sostivo que o Fondo Social do Plan Único dá resposta ás necesidades sociais dos concellos.

Desde 2017, o Plan Único suma máis de 578 millóns de euros investidos nos 93 concellos da provincia, o que permitiu financiar máis de 3.000 obras, cifras sen precedentes nos anteriores plans provinciais, que ademais de mellorar as infraestruturas e servizos municipais contribúen a xerar actividade económica e de emprego.

Achega inicial Plan Único 2023

Bases Plan Único 2023