Estás en:Novas

O sector escénico galego será o protagonista da vindeira xornada ‘a Cultura é un dereito’ da Deputación

"XX anos de Escena Galega. Retos do asociacionismo profesional como un dos eixes vertebradores do sector escénico galego" celebrarase o 20 de decembro no Pazo da Cultura de Carballo e o prazo de inscrición estará aberto desde hoxe, 1 de decembro, ata o día 18

O sector escénico galego será o protagonista da vindeira xornada ‘a Cultura é un dereito’ da Deputación

Desde hoxe, 1 de decembro, e ata o próximo día 18 estará aberto o prazo de inscrición para asistir á xornada "XX anos de Escena Galega. Retos do asociacionismo profesional como un dos eixes vertebradores do sector escénico galego", comisariada por Diego Meizoso e que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o día 20 deste mes.

Trátase doutra das iniciativas de "A Cultura é un dereito", un dos programas do departamento de Cultura da Deputación da Coruña para a mellora social mediante a colaboración, desde a proximidade, cos diferentes axentes e actores culturais da sociedade galega. Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) cumpre, este 2022, 20 anos de traballo ininterrompido en prol do sector escénico profesional, e neste ano tan sinalado a Deputación quere centrar unha das xornadas na situación do tecido escénico profesional dende o punto de vista do seu asociacionismo como un dos seus eixes vertebradores.

A asistencia é de balde e o aforo limitado. Todas as intervencións, que contarán cun servizo de interpretación de lingua de signos, retransmitiranse en directo a través da canle de Youtube de Cultura Deputación da Coruña. A inscrición á xornada debe realizarse a través do formulario habilitado para tal fin na páxina web: www.aculturaeundereito.gal.

En "XX anos de Escena Galega. Retos do asociacionismo profesional como un dos eixes vertebradores do sector escénico galego" abordaranse temas como as posibilidades de mellora da circulación escénica profesional no territorio, as posibles estratexias entre o sector creativo e o empresarial-produtivo ou xeitos de traballar sobre as propostas de acción entre concellos pequenos que poidan reforzar a súa acción cultural de cara á cidadanía. Tamén se porá o foco sobre as asociacións profesionais, entendendo estes colectivos como parte fundamental do desenvolvemento e do sostemento do sector cultural galego, debatendo con compañeiras e compañeiros de Madrid, Cataluña e Euskadi.

Consulta programa completo aquí