Estás en:Novas

A Deputación e Concello de Neda financian con 180.000 euros as obras de renovación das redes de abastecemento e saneamento na rúa Xerardo Luaces

As obras permitirán solucionar as continuas avarías que se producen actualmente

Dará servizo a unha importante cantidade de vivendas do municipio, desde A Muchiqueira, parte de Mourela Baixa, parte dos Castros e parte do Poulo

Alvariño lembra que a obra dá vía libre tamén á licitación da actuación de renovación das redes de abastecemento e saneamento na rúa Carreiro, contigua a esta

A Deputación e Concello de Neda financian con 180.000 euros as obras de renovación das redes de abastecemento e saneamento na rúa Xerardo Luaces

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Neda, Ángel Alvariño Saavedra, asinaron co convenio polo que a institución provincial destinará 144.000 euros para cofinanciar o proxecto de renovación das redes de abastecemento e de saneamento na rúa Xerardo Luaces do Concello de Neda.

A actuación, que conta cun orzamento total de 180.000 euros dos que a Deputación achegará o 80%, permitirá solucionar as avarías que se producen actualmente, de xeito reiterado, nas devanditas redes e que obrigan a cortar parcialmente a vía para a súa reparación.

Esta rúa, que é de titularidade provincial e que vai desde a estrada AC-115 á DP-5503, dá servizo a unha importante cantidade de vivendas do municipio, desde A Muchiqueira, parte de Mourela Baixa, parte dos Castros e parte do Poulo.

Formoso destacou que a colaboración da Deputación permitirá a Neda dar solución a este antigo problema, renovando completamente a rede de saneamento e abastecemento de auga, un servizo esencial para a veciñanza.

Pola súa banda, Alvariño recordou que o financiamento da intervención en Xerardo Luaces dá vía libre tamén á licitación da actuación de renovación das redes de abastecemento e saneamento no Carreiro, contigua a esta. Neste caso, cun investimento cercano aos 62.000 euros, e que o concello sufragará con cargo ao Plan único da Deputación.