Estás en:Novas

Esther F. Carrodeguas, María Marco, Soraya Lema e Abraham Pérez xa están traballando nos seus proxectos en Mariñán

Trátase da última das Residencias Artísticas Mariñán deste exercicio, dedicadas a Literatura e Pensamento, e que se desenvolverá ata o vindeiro 16 de decembro

No marco desta iniciativa, o venres 9 de decembro, a Librería Biblos de Betanzos acollerá ás 19:30h unha conversa aberta ao público na que participará a escritora Teresa Moure; mentres que o mércores 14 será a Fundación CIEC a que acolla a conversa na que participará o escritor Xesús Fraga

Esther F. Carrodeguas, María Marco, Soraya Lema e Abraham Pérez xa están traballando nos seus proxectos en  Mariñán

Esther F. Carrodeguas, María Marco, Soraya Lema e Abraham Pérez xa están, desde a tarde de onte, traballando nos seus proxectos no marco das últimas Residencias Artísticas Mariñán deste exercicio 2022. Trátase das Residencias dedicadas a Literatura e Pensamento, que lles permitirá ás catro persoas seleccionadas traballar sobre os seus respectivos proxectos e desenvolver o plan de traballo que presentaron nas súas memorias de selección.

Ao igual que na estadía do mes de xullo destas mesmas Residencias, tamén nesta ocasión se programan dúas actividades complementarias e abertas ao público en Betanzos. A primeira terá lugar o venres 9 de decembro na Libraría Biblos ás 19:30h e estará encabezada pola escritora Teresa Moure; mentres que a segunda terá lugar o mércores 14 na Fundación CIEC e o escritor convidado será Xesús Fraga.

Convén lembrar que as Residencias Artísticas Mariñán naceron este ano como unha nova iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña, co obxecto de incrementar a súa liña de apoio á creación, complementando outras iniciativas xa existentes como son as convocatorias de premios, correspondentes a un amplo abano de disciplinas artísticas. Concretamente no eido da literatura, son cinco as convocatorias: o Premio Torrente Ballester de narrativa, en linguas galega e castelán, o Premio González Garcés de poesía, o Premio Rafael Dieste para textos teatrais, o Premio Manuel Murguía de ensaio, e o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.

No mes de xullo xa desenvolveran a súa estadía en Maríñán Andrés Sanjurjo, Vanesa M. Sotelo, na modalidade de Literatura, e Paula Domínguez e Judith Ruso, na de Pensamento. Agora, e ata o vindeiro 16 de decembro, está a ser a quenda de Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo, na modalidade de Literatura, e de Abraham Pérez Fernández e María Marco –en substitución de Xerardo Pereiro Pérez, que renunciou por motivos laborais- na de Pensamento.

Páxinas suxeridas