Estás en:Novas

Mostra da terceira edición da iniciativa BookFaceFriday na Biblioteca

Presentamos as 52 recomendacións de libros a través de imaxes combinando portadas e persoas, que publicamos entre novembro de 2021 e novembro de 2022.

Mostra da terceira edición da iniciativa BookFaceFriday na Biblioteca

Igual que fixemos o ano pasado, para os novos seguidores que aínda non saiban de qué vai o proxecto, contámosvos un pouco en qué consiste este movemento a nivel mundial, que comezou alá polo 2014 en Twitter e Instagram a iniciativa da Biblioteca Pública de Nova York.


Co cancelo #bookfacefriday, tódolos venres bibliotecas de diversos lugares do mundo coinciden en publicar recomendacións de libros dos seus fondos dun xeito orixinal, que consiste en seleccionar a portada e completala e ambientala con persoas e escenarios reais.


A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña adheriuse en novembro de 2019, contando cada vez con máis adeptos e seguidoras e seguidores que están a desexar que chegue o venres para saber con que imos sorprender desta vez.


Chegado novembro de 2022, completamos xa outro reto de publicar 52 fotografías (1 por semana) que permitan atraer a novas persoas lectoras, e sobre todo incitar a todo o público que as vexa a ver a literatura con outra ollada e interesarse polos argumentos dos libros que recomendamos, que procuramos que sexan do máis variado, pero tamén relacionados con datas sinaladas ou especiais (Día das Letras Galegas, Día da Literatura Infantil e Xuvenil, etc.).


Con esta exposición queremos novamente dar visibilidade, máis aló das redes sociais, ás recomendacións literarias de todo o ano. Agardamos poder inspirar novas ideas de lectura, especialmente para a fin de semana, xa que se publican todos os venres.


Como dicimos en cada unha das recomendacións: "E ti, que vas ler esta finde?"


Grazas a todo o equipo que está detrás do proxecto, sen o que este proxecto sería misión imposible!

Podes acceder ao catálogo da mostra coa referencia de cada libro recomendado aquí: Terceiro ano de BookFaceFriday.Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña.pdf

A mostra está instalada nas vitrinas do vestíbulo da Biblioteca, e é visitable de balde en horario de apertura da Biblioteca (de luns a venres de 8:30 a 20:30 h, e sábados de 9:00 a 14:00 h. Período de Nadal do 23 de decembro ao 8 de xaneiro: de luns a venres de 8:30 a 14:00 e de 15:00 a 20:30 h, sábados pechado).

Páxinas suxeridas