Estás en:Novas

A Deputación convoca o VI Concurso “Quero Cantar” de música infantil e xuvenil

O prazo de presentación de maquetas rematará o 15 de marzo de 2023

O certame contempla 6000 euros en premios en metálico, a produción da gravación de dous videoclips e un programa formativo que inclúe unha titoría artística, unha residencia no Pazo de Mariñán e un obradoiro de sonorización

A Deputación convoca o VI Concurso “Quero Cantar” de música infantil e xuvenil

Co obxecto de promover e difundir o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical, a Deputación da Coruña convoca o VI Concurso "Quero Cantar" de música infantil e xuvenil. O prazo de presentación de solicitudes de participación rematará o 15 de marzo de 2023.

Pode participar calquera grupo ou solista que presente a maqueta dunha canción en galego, con letra e música orixinais e inéditas, que non fosen publicamente difundidas antes por ningún tipo de soporte nin canle.

En función das idades establécense as seguintes categorías:

Categoría A (Infantil), ata 12 anos
• Número máximo de compoñentes: 12
• Para esta categoría permítese que, incluída no límite de 12 compoñentes, participe unha persoa que supere o límite de idade, que non poderá ser a voz solista, e sempre que o grupo sexa de máis de 2 membros.

Categoría B (Xuvenil), de 13 a 16 anos
• Número máximo de compoñentes: 12
• Para a categoría B, igualmente dentro do límite de 12 participantes, permítese un número indeterminado de excepcións ao límite de idade inferior, sempre que este número non chegue á metade de membros totais do grupo.

A autoría da letra e a música da canción, na dúas categorías, debe ser da persoa solista ou dos membros do grupo que a presenten.

Establécense os seguintes premios:
1º clasificado na categoría infantil:
• Gravación da maqueta en estudio profesional
• Gravación dun videoclip da canción gañadora
• Material musical (instrumentos, equipamento...) ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1500 €

1º clasificado na categoría xuvenil:
• Gravación da maqueta en estudio profesional
Participación no programa formativo Quero Cantar 2022-2023, que inclúe unha titoría por parte dun ou dunha artista de recoñecida traxectoria na música galega para o desenvolvemento dunha canción, unha residencia do Pazo de Mariñán e un obradoiro de sonorización.
• Gravación dun videoclip da canción realizada no programa formativo.
• Material musical ou produtos culturais en galego por valor de 1500 €

2º clasificado en ambas as categorías:
• Gravación da maqueta en estudio profesional.
• Material musical ou produtos culturais en galego por valor de 1000 €

3º clasificado en ambas as categorías:
• Gravación da maqueta en estudio profesional.
• Material musical ou produtos culturais en galego por valor de 500 €

Noelia Perpetuo, pola canción "Bolboreta", e Bonhomía, pola canción "Veneradas obrigas" foron as cancións gañadoras da pasada edición dun certame que tamén premiou a A Música das Baleas (con "A peor xogada"), Isma Kalo ("A quen lle importa"), Cortegadaos ("Eu quero ser unha árbore") e Cortegadaos ("Eu quero ser unha árbore"), entre outros.

As solicitudes presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación. As bases están publicadas no BOP do 14 de decembro e pódense consultar e descargar na web www.querocantar.gal