Estás en:Novas

A Deputación destina 1 millón de euros para financiar a contratación de técnicos de deportes nos concellos da provincia

Esta liña de axudas permite contratar ou manter dentro do cadro de persoal aos técnicos deportivos municipais, cun financiamento de ata o 80% dos custos salariais durante un ano

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destaca que programa xera emprego e facilita que os municipios coruñeses poidan desenvolver programacións deportivas de carácter estable

A Deputación destina 1 millón de euros para financiar a contratación de técnicos de deportes nos concellos da provincia

O Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe, xoves 5 de xaneiro, as bases da convocatoria de axudas que concede a Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico deportivo nos concellos da provincia e que está dotada dun orzamento de 1.000.000 de euros.

O obxectivo destas subvencións é o de que os concellos poidan contratar ou manter dentro do cadro de persoal aos técnicos deportivos municipais. A Deputación financia ata o 80% dos custos salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros para os municipios que optan pola contratación dun graduado universitario en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa. Os concellos poden contratar tamén técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou media xornada, aboando sempre o 20% restante do salario.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destacou que estas axudas "ademais de contribuír á xeración de emprego na provincia facilitan que os municipios coruñeses poidan desenvolver programacións deportivas de carácter estable e fomentar o deporte e a actividade física entre a poboación, especialmente nenos e maiores".

Ligazón ao BOP :

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2023/01/05/2022_0000008607.pdf

Páxinas suxeridas