Estás en:Novas

Un centenar de escolares das comarcas de Ferroterra e Ortegal participan na campaña de esquí da Deputación da Coruña en Asturias

Nenos e nenas dos concellos de A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño participarán na primeira quenda deste ano na estación de Valgrande-Pajares (Asturias)

Seiscentos nenos e nenas da provincia viaxarán este ano á neve coa Deputación da Coruña

Un centenar de escolares das comarcas de Ferroterra e Ortegal participan na campaña de esquí da Deputación da Coruña en Asturias

A Deputación da Coruña inicia esta fin de semana a súa Campaña de Esquí 2023.

Este venres, 13 de xaneiro, un centenar de nenos e nenas da Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño partirán cara á estación de Valgrande-Pajares (Asturias), onde permanecerán ata o luns 16.

Esta será a primeira expedición á neve dentro da campaña provincial, na que participarán mozos e mozas de 11 a 15 anos de idade. Con esta proposta, a institución provincial pretende "que a rapazada da provincia da Coruña poda iniciarse ou perfeccionar as súas habilidades no esquí con monitores profesionais, ao mesmo tempo que participan noutras iniciativas deportivas e culturais organizadas de xeito complementario", indicou a deputada de Deportes, Cristina Capelán, que sinalou que este ano participarán na actividade un total de 600 nenos e nenas (100 máis que nas anteriores edicións) de toda a provincia.

No caso de que non haxa neve, a rapazada participará noutras actividades deportivas de inverno e culturais durante os días de estación en Valgrande-Pajares.