Estás en:Novas

A Deputación destina 4,4 millóns de euros “para situar o deporte coruñés á vangarda do deporte galego”

Destina seis liñas de subvencións por importe de 3,4 millóns para apoiar a entidades e clubs co obxectivo de favorecer o seu traballo e promocionar a práctica deportiva

As axudas chegarán a máis de 650 clubs de todas as disciplinas e categorías deportivas, desde o deporte de base aos grandes eventos

Outro millón de euros destínase á contratación de técnicos deportivos nos concellos da provincia

A Deputación destina 4,4 millóns de euros “para situar o deporte coruñés á vangarda do deporte galego”

A Deputación da Coruña destina este ano 4.425.000 euros a apoiar os concellos, entidades e clubs da provincia co obxectivo de "situar o deporte coruñés á vangarda do deporte galego".

Así o explicou a deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, que hoxe presentou as distintas liñas de subvencións da Deputación para impulsar a práctica deportiva na provincia da Coruña, entre as que destacan o millón de euros que a institución provincial destina para a contratación de técnicos deportivos nos concellos e os 3,4 millóns para apoiar a actividade das entidades e clubs deportivos coruñeses.

650 entidades deportivas reciben o apoio da Deputación

"Unhas axudas que este ano esperemos que cheguen a máis de 650 entidades de todas as disciplinas e categorías deportivas, desde o deporte base aos grandes eventos deportivos", afirmou Capelán.

A deputada sostivo que as liñas de subvencións increméntanse en 250.000 euros con respecto ao ano pasado para poder cubrir todas as necesidades dos clubs en relación ao mantemento das súas actividades, competicións, promoción do deporte de base e mellora de infraestruturas e equipamentos.

O orzamento divídese en 6 liñas de subvencións diferentes, das cales cinco xa se fixeron públicas este xoves, 12 de xaneiro, no Boletín Oficial da Provincia.

A Deputación destina este ano 500.000 euros a actuacións que fomenten a actividade física e o deporte. Este programa vai dirixido a entidades que promovan a mellora da condición física, a ocupación activa do tempo de lecer, o deporte de carácter afeccionado ou popular e a participación en competicións deportivas que non sexan organizadas polas federacións.

Subvencionarán accións de promoción social a través da organización de actividades de formación, difusión e divulgación do deporte como charlas, obradoiros, cursos ou simposios.

Por outra banda, a liña de mellora de infraestruturas e equipamento deportivo está financiada con 575.000 euros. Estas axudas van destinadas a realizar investimentos de carácter deportivo para gastos de rehabilitación ou mellora de instalacións de uso deportivo, así como a adquisición de bens deportivos inventariables.

Apoiarase tamén os clubs deportivos que participen en competicións federadas de ámbito local, provincial ou autonómico con 750.000 euros, financiando os gastos ocasionados polo exercicio das funcións dos clubs deportivos no desenvolvemento da súa actividade.

A Deputación destina este ano 1.050.000 euros para axudar os clubs deportivos que participen en competicións federadas de ámbito nacional cubrindo os gastos derivados da participación en competicións oficiais federadas de ámbito nacional ou internacional dos clubs deportivos.

A última das partidas publicadas no BOP vai encamiñada á adquisición de vehículos por parte das entidades deportivas, cun orzamento de 100.000 euros. Financiarán a compra de vehículos de 4 modalidades deportivas: piragüismo, remo, salvamento e socorrismo e vela, que precisan destes vehículos para transportar as súas embarcacións a adestramentos e competicións.

A sexta e última liña, que será publicada nas vindeiras semanas, é un programa para entidades que desenvolvan grandes eventos deportivos, que se financiará con 450.000 euros. Estes actos terán que estar incluídos no calendario de competicións oficial e cada entidade só poderá presentar un único proxecto.

1 millón de euros para contratar técnicos deportivos en entidades municipais

Capelán explicou que, a maiores destas liñas de axudas para entidades, a Deputación xa ten aberta desde principios deste mes a convocatoria doutra liña cun orzamento de 1 millón de euros para contratar, ou manter no cadro de persoal, técnicos deportivos nos concellos da provincia, que se suma a estas 6 subvencións no ámbito do deporte.

A Deputación financia ata o 80% dos custos salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros para cada municipio.

Ademais de promover a práctica deportiva nos concellos, esta liña permite fomentar a creación de emprego, xa que hoxe en día 74 municipios coruñeses contan un técnico de Deportes financiado pola Deputación, segundo explicou Capelán.