Estás en:Novas

A Deputación abre a convocatoria da Rede Cultural 2023 cun orzamento de 1.975.000 euros

Artistas, empresas e compañías teñen desde o 21 de xaneiro ata o 7 de febreiro para inscribir as súas propostas

O prazo para que os concellos presenten as solicitudes de actuacións estará aberto do 17 ao 31 de marzo

A Deputación abre a convocatoria da Rede Cultural 2023 cun orzamento de 1.975.000 euros

Artistas, empresas e compañías teñen desde o 21 de xaneiro ata as 14 horas do 7 de febreiro para inscribir os seus espectáculos na nova edición da Rede Cultural da Deputación da Coruña. O prazo para que os concellos presenten as solicitudes de actuacións estará aberto do 17 ao 31 de marzo. A resolución de adxudicación dos espectáculos comunicarase nunha terceira fase, antes do 17 de abril.

A institución provincial investirá este exercicio 1.975.000 euros nun programa que nos últimos anos se consolidou como o circuíto de programación cultural máis sólido e estable de Galiza e que aposta pola difusión e a promoción da música, do folclore, do teatro, da danza, do cine e das demais manifestacións artísticas.

Como en anteriores anos, o catálogo da Rede Cultural nesta edición estará formado por catro programas: ¡Escena ao vivo!' (espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música), 'Visións' (cinema e contidos audiovisuais), 'Lingua a Escena!' (espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega) e 'Alicerce' (espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais).

No caso de 'Alicerce', ademais dos concellos, poderán contratar propostas artísticas non profesionais as entidades da provincia sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura. Dependendo do volume de solicitudes e do orzamento dispoñible, a achega provincial será de entre un 50 e un 70 por cento do importe do espectáculo. A resolución de adxudicacións comunicarase antes do 12 de maio. No caso dos concellos e para os catro programas da Rede, a Deputación financiará entre un 30 e un 75 por cento do espectáculo, dependendo do número de habitantes de cada municipio.

Os espectáculos incluídos na Rede realizaranse no ámbito territorial da provincia da Coruña durante o ano 2023 e ata o 31 de marzo de 2024.

"A Rede Cultural", sinala o responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, "é un espazo de programación artística que ten como obxectivo principal garantir unha oferta diversificada e de calidade nos concellos da provincia. Oriéntase, polo tanto, a favorecer a capacidade dos concellos coruñeses para desenvolver programacións culturais para os seus veciños e veciñas". "A Deputación", engade, "levou a cabo nos últimos anos un importante esforzo económico de medre nos orzamentos da Rede Cultural, pasando dos 956.932 euros que se destinaban en 2014 aos case dous millóns que se destinarán en 2023".

En 2022", a Rede Cultural da Deputación da Coruña ofreceu 1.409 espectáculos, para o que investiu un total de 2.617.391 euros, dos que 1.551.240 se corresponderon á achega do departamento de Cultura provincial

Páxinas suxeridas