Estás en:Novas

Os produtos “que saben” da provincia da Coruña consolidan a súa presenza nos circuítos profesionais de Madrid Fusión

As seis marcas que participan no principal foro profesional de alta gastronomía baixo o paraugas "A provincia que sabe" salientan a importancia de ampliar os seus contactos comerciais a nivel estatal

O posto da Deputación da Coruña tamén contou con visitas de grandes nomes da cociña con Estrela Michelín, como a valenciana Susy Díaz e os cataláns Hermanos Torres

A área provincial de Turismo, que dirixe o vicepresidente Xosé Regueira, inicia en Madrid Fusión un itinerario de promoción que continuará nos vindeiros meses en foros especializados exclusivamente en gastronomía

Os produtos “que saben” da provincia da Coruña consolidan a súa presenza nos circuítos profesionais de Madrid Fusión

Ao igual que ocorrera na pasada edición do Fórum Gastronómic, os produtores e produtoras que están a participar en Madrid Fusión no posto da Deputación da Coruña salientan os bos resultados en canto a contactos comerciais. Neste congreso especializado en alta gastronomía, os principais contactos que están a realizar as seis marcas presentes no posto  da institución provincial centránse en ampliar as liñas de distribución a nivel estatal.

"A estratexia turística que estamos desenvolvendo baixo a campaña 'A provincia que sabe' debe estar presente en foros deste tipo, que funcionan como circuítos moi profesionalizados e onde estamos vendo que os nosos produtos culinarios son apreciados e demandados pola súa calidade contrastada", asegura o vicepresidente da Deputación. "Tanto o sector como a Deputación estamos facendo historia poñendo a gastronomía da Coruña ao mesmo nivel que os grandes territorios gastronómicos do resto do Estado", engade Xosé Regueira.

Neste sentido, Xosé Regueira explica que "Madrid Fusión é o primeiro gran evento destas características deste ano, nun calendario de encontros profesionais fóra da Coruña que iremos desenvolvendo nos vindeiros meses e dos que xa podemos adiantar que unhas das próximas citas terá lugar en Euskadi".

Convén lembrar que nesta edición de Madrid Fusión, no posto institucional da Deputación da Coruña están presentes a Asociación de Profesionais do Percebe da Barca (Muxia), A Conserveira Ribeira), La Despensa D'Lujo (Coristanco), Costumes Galicia Empanada Artesá (Carballo), Queixería Galmesán (Arzúa) e Choiva Viños (viños da I.X.P. Betanzos e da I.X.P. Barbanza e Iria).

Ademais de afianzar a súa relación con clientes presentes en Madrid Fusión, a maioría das empresas coruñesas ampliaron a súa rede de contactos no ámbito da distribución estatal. No caso de Choiva Viños tamén iniciou contactos para abrir novas vías de negocio internacional, centradas en circuítos de distribución nos mercados europeos.

O posto da Deputación da Coruña tamén contou con visitas de grandes nomes da cociña con Estrela Michelín, como a valenciana Susy Díaz e os cataláns Hermanos Torres, quen aproveitaron para degustar os produtos e coñecer os produtores e produtoras persoalmente.