Estás en:Novas

‘Terra de Raíñas’, teatro para coñecer o pasado medieval no Centro Sociocultural de Vite

A Deputación da Coruña e a Rede da GaliLusofonia continúan a espallar coñecemento sobre o medievo a través de actividades diversas no marco das xornadas 'A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga'

Os Quinquilláns transpórtannos ao século XIII para achegarnos a historia do Reino Medieval de Galiza a través da historia de Aldonça e Sancha

‘Terra de Raíñas’, teatro para coñecer o pasado medieval no Centro Sociocultural de Vite

Continúa o foro de coñecemento 'A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga' coa representación da obra de teatro 'Terra de Raíñas', dos Quinquilláns, o martes 31, ás 19.00h, no Centro Sociocultural de Vite. A entrada será de balde, até completar aforo.

Convén lembrar que esta proposta escéncia foi seleccionada como un dos proxectos gañadores da primeira edición do certame 'Fondo de Proxectos Culturais do Reino de Galiza' da Deputación da Coruña. Nela, Tero Rodríguez, Lucho Penabade e Borxa Ínsua recrean a vida cotiá do século XIII e os conflitos da sucesión dinástica de Afonso VIII en favor de Sancha e Aldonça.

Trátase dun espectáculo cómico-participativo de divulgación histórica para todos os públicos, cun guión orixinal de Borxa Ínsua e con vestiario e atrezzo deseñados ad hoc por Beti Busto a partir da iconografía da época.

Entre Compostela e Braga
Esta actividade é unha das que están previstas nos vindeiros meses na cidade compostelá, co obxectivo de profundar no coñecemento sobre a historia medieval galega. Ademais, as xornadas, impulsadas pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña en colaboración coa Rede da GaliLusofonia, inclúen na súa programación unha visita a Braga o vindeiro 18 de febreiro, onde continúan as diferentes actividades.