Estás en:Novas
Día da Ilustración 2023

María Antonia Dans

Este 30 de xaneiro homenaxéase á pintora de Oza dos Ríos pola conmemoración do Día da Ilustración.

María Antonia Dans

Cada 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración en Galicia, coincidindo co día do nacemento de Castelao. A conmemoración serve para reivindicar o papel de debuxantes, pintores, ilustradores e outros artistas desta industria cultural, pero a maiores cada ano homenaxéase a figura dunha persoa ilustradora galega en particular. Este ano temos como protagonista a María Antonia Dans, cando acaban de cumprirse cen anos do aniversario do seu nacemento, no concello de Oza dos Ríos.
Unha artista recoñecida e con grande éxito, pero tamén unha muller adiantada ao seu tempo e comprometida coa sociedade, coas mulleres, e especialmente coas mulleres do rural.
Como ela dicía, pintaba as campesiñas do subdesenvolvemento galego, desa Galicia dura e agresiva con mulleres deformadas polo traballo. Sen embargo, os seus cadros son felices, reflicte a falta de drama psicolóxico das súas personaxes, porque non teñen rebeldía. Non consideraba que fixese pintura social, senón que reflectía campos e xente que vai ás romarías.
Tivo que loitar moito polo seu éxito, e ela mesma recoñecía que se fose home, os seus cadros pagaríanse o dobre, e falaba do desamparo da condición de ser muller e ter que loitar o dobre para poder sacar adiante a súa vida e o seu traballo.
Dentro da colección de Grandes artistas da pintura editado pola Deputación da Coruña, por primeira vez se lle dedica un volume a unha muller, que recolle a súa biografía e sobre todo unha panorámica pola súa obra, que vos invitamos a coñecer máis de preto. Está dispoñible na Biblioteca coa sinatura LDC/52, xunto con outros materiais para achegarnos á súa figura, que relacionamos a continuación:

  • El Hostal de los Reyes Católicos en la historia de Santiago / Carmen Deben ; ilustraciones Maria Antonia Dans ; fotografías Oronoz. Sinatura BM/991.
  • María Antonia Dans : (1922-1988) : [catálogo de la exposición celebrada en] A Coruña, enero-marzo 99 / Comisario Luis María Caruncho Amat. Sinatura GAL/8233
  • María Antonia Dans / Ana María Arias de Cossio. Sinatura GAL/868
  • María Antonia Dans / [coordinación e textos Rosario Sarmiento ; ilustracións Xurxo Lobato]. Sinatura LDC/52
  • María Antonia Dans / por Manuel Sánchez-Camargo. Sinatura GAL/9146
  • El Parador Nacional "Conde de Gondomar" / Carmen Debén ; ilustraciones de María Antonia Dans ; fotografías Oronoz... [et al.]. Sinatura BM/992
  • POSTGUERRA I, Figuracións. -- (Artistas gallegos: Pintores ; 7). Sinatura FGA/30/7

Podedes ver tamén un vídeo no que ensinamos unha pequena mostra do seu traballo que se pode coñecer mellor a través dos materiais que acabamos de referenciar. Vídeo María Antonia Dans