Estás en:Novas

A Deputación colabora coa Fundación Rosalía de Castro para crear un avatar de Maruxa Villanueva en 3D que introduce a visita virtual á da poeta en Padrón

A Deputación colabora coa Fundación Rosalía de Castro para crear un avatar de Maruxa Villanueva en 3D que introduce a visita virtual á da poeta en Padrón

A Fundación Rosalía de Castro estrea unha nova aplicación na súa visita virtual por mor do Día de Rosalía: a Casa de Rosalía é desde hoxe o primeiro museo do mundo que emprega un avatar en tres dimensións guiando a súa visita virtual. Unha empresa galega, Orestes Comunica, conseguiu introducir un avatar, e facelo funcionar neste tipo de tours virtuais. Esta acción foi posible grazas ao apoio económico da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Trátase dunha Maruxa Villanueva en 3D, a actriz galega que durante trinta anos coidou a Casa de Rosalía. Villanueva recibiu durante décadas a quen visitaba a Casa de Rosalía. Desde hoxe o avatar da actriz galega recibe a quen visita a Casa de forma virtual e explica, no interior, tres dos espazos da exposición.

Para desenvolver este proxecto, Orestes Comunica traballou da man do debuxante e animador pontevedrés Jorge Costas e cun equipo israelita de programadores especializados no metaverso. Esta colaboración fixo posible que o avatar dunha muller, galega e falando en galego, sexa o primeiro do mundo en formar parte, e ser guía, dun percorrido virtual.

Maruxa Villanueva (Barrela, 1906 - Compostela 1998) foi desde 1971 ata o ano do seu pasamento coidadora da Casa de Rosalía, ademais dunha excepcional especialista no mundo rosaliano. Emigrante na Arxentina desde os 20 anos, alí converteuse nunha cantante de éxito e actriz, ademais de en peza clave da cultura galega en Bos Aires, onde colaborou moi activamente nas actividades da emigración.

Este proxecto foi presentado esta mañá en rolda de prensa, canda toda a programación do Día de Rosalía. Nela participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso; o cociñeiro de O Pazo, Óscar Vidal; Pancho Tristán, de Orestes Comunica; e os representantes da Asociación de Gaiteiros, Gustavo Couto e Luís Xaneiro.