Estás en:Novas

A Deputación financia obras de pavimentación nas rúas Muíño e Rosaleda e na travesía de Paraxó, en Bertamiráns, por 159.771 euros

A Deputación financia obras de pavimentación nas rúas Muíño e Rosaleda e na travesía de Paraxó, en Bertamiráns, por 159.771 euros

A Deputación e o Concello de Ames financian con 159.771,21 euros distintas obras de pavimentación e mellora nas rúas Muíño e Rosaleda e na travesía de Paraxó, en Bertamiráns (Ames) 

As actuacións contempladas na rúa Muíño están encamiñadas á mellora funcional e da seguridade viaria. A solución proxectada para a rúa está condicionada pola superficie dispoñible (delimitada polos peches e edificacións existentes). Deste xeito, optouse por definir un carril de 2,5 metros de ancho, no que se manterá o firme actual e se executará unha mellora da capa de rodaxe mediante 5 centímetros de mestura bituminosa en quente, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

A mesma solución será empregada para o entronque coa avenida da Maía de 110 metros cadrados de superficie. Así mesmo, a superficie entre o carril e os peches existentes acondicionarase mediante 15 centímetros de formigón con mallazo sobre 25 centímetros de lastro. A rede de drenaxe estará composta por canalización de PVC de 400 milímetros e arquetas con sumidoiro. A actuación completarase coa reposición completa da sinalización horizontal da vía.

Na rúa da Rosaleda as obras teñen por obxectivo a mellora da capa de rodaxe nunha superficie de 1.300 metros cadrados, así como da totalidade dos 950 metros e os 100 metros cadrados de abanicos e sobreanchos existentes cos que conta o camiño que discorre entre a dita rúa e a estrada de Covas. En ambos os dous casos executarase unha nova capa de rodaxe de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente. Para a rúa da Rosaleda procederase a un fresado previo de 5 centímetros do firme actual, e no caso do camiño a Covas levarase a cabo a reparación de fochancas e o perfilado de mordentes con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. As actuacións completaranse tamén coa reposición da sinalización horizontal e coa colocación de 4 sinais de STOP.

Para rematar, na travesía de Paraxó mellorarase a capa de rodaxe nunha superficie de 1.500 metros cadrados. Executarase unha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente en toda a plataforma, previo fresado de 5 centímetros da superficie actual. Para darlle continuidade á beirarrúa existente acondicionarase un sobreancho do viario mediante 15 centímetros de formigón sobre 10 centímetros de lastro, previa demolición do pavimento existente. Finalmente, sinalizarase horizontalmente a vía e colocarase un sinal de STOP.

A recente aprobación das obras nestes tres viarios únese a outras melloras incluídas no POS+ 2022, como a licitación da renovación doutras tres rúas no núcleo do Milladoiro, aprobada na Xunta de Goberno Local do 16 de febreiro.

O alcalde de Ames e deputado provincial, Blas García, explicou que "neste caso vaise actuar sobre tres rúas de Bertamiráns, renovando o pavimento e incrementando a seguridade viaria. Estas actuacións permitirán mellorar a seguridade tanto de peóns como dos vehículos que circulan polas ditas vías. O proxecto inclúese dentro do plan POS+ 2022, que está a permitir executar obras de mellora tanto nos dous núcleos urbanos como nas zonas rurais".