Estás en:Novas

578 millóns de investimento e 3.276 obras na provincia sitúan o Plan Único da Deputación da Coruña como o maior plan de cooperación municipal de Galicia

A entidade provincial estrea unha nova páxina web dedicada a este Plan, que inclúe un mapa interactivo para consultar os investimentos en cada municipio

Da achega total, 345 millóns foron destinados a investimentos en obras, repartidas en 3.276 actuacións, e case 233 millóns dedicáronse a políticas sociais e financiamento de servizos públicos

578 millóns de investimento e 3.276 obras na provincia sitúan o Plan Único da Deputación da Coruña como o maior plan de cooperación municipal de Galicia

Formoso e Regueira presentaron o balance do Plan Único

A Deputación da Coruña leva investido máis de 578 millóns de euros nos concellos e financiou un total de 3.276 obras nos concellos da provincia a través do Plan Único desde a súa creación no ano 2017.

Os datos foron dados a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa na que o presidente Valentín González Formoso e o vicepresidente Xosé Regueira fixeron balance do conseguido estes anos co POS+.

"O Plan Único da Deputación da Coruña é o maior plan de cooperación municipal de Galicia e un dos máis importantes de España", afirmou Formoso que destacou que neste tempo consolidouse como unha ferramenta indispensable para financiar obras e servizos públicos co obxectivo de mellorar a vida da cidadanía.

Formoso explicou que o Plan Único investiu máis de 578 millóns de euros nos 93 concellos coruñeses, unha cifra histórica, a través dun sistema de reparto de fondos xusto e transparente, que ademais outorga aos concellos a capacidade de decidir en qué investir os fondos que se lles achegan. "Devolvemos aos concellos a liberdade de decidir", afirmou o presidente, que destacou tamén que o POS+ supón "unha maior eficiencia no funcionamento e un investimento moito maior".

"Cando chegamos ao goberno, o investimento do Plan de Obras e Servizos da Deputación era de 25 millóns ao ano, agora co Plan Único está entre 85 e 100 millóns de euros anuais, isto supón que os concellos reciben ata catro veces máis fondos da Deputación para financiar as súas obras e servizos", explicou Formoso, que detallou exemplos como Laracha, que pasou de recibir 563.975 euros aos 1,5 millóns actuais; Narón que pasou de 900.000 euros anuais co POS anterior aos 2,2 millóns do Plan Único ou Arteixo que pasou de 880.000 euros a preto de 2 millóns anuais co POS+.

Formoso incidiu tamén na importancia que ten o Plan para a creación de emprego. Lembrou que "por cada millón de euros de investimento en obra pública créanse 18 postos de traballos directos" polo que só co Plan Único , a Deputación axudou a manter ou crear máis de 6.000 de empregos nos últimos anos sector da construción . "Engadan a iso os 3.000 empregos que creamos co PEL, os máis de 50 millóns investidos en obras da rede de estradas, o investimento na área cultural ou social", afirmou o presidente.

O presidente destacou tamén a contribución do Plan ao saneamento das economías municipais "especialmente durante os primeiros catro anos", e a axuda que supón para que as administracións locais poidan soster servizos públicos básicos como a iluminación pública, a recollida de lixo ou a limpeza viaria ou servizos sociais. "o Fondo Social do Plan Único naceu coas necesidades da pandemia e nestes tres anos permitiu financiar con 28 millóns de euros políticas sociais nos concellos que benefician ás persoas máis vulnerables, axudan á conciliación ou apoian ás familias que máis o necesitan", remarcou Formoso.

O Plan Único 2023 alcanzará os 90 millóns de euros

O vicepresidente, Xosé Regueira, foi o encargado de anunciar que no pleno do mes de marzo se incorporarán 42 millóns de euros máis ao Plan Único 2023, "o que o sitúa no horizonte dos 90 millóns, deixando para a corporación vindeira moitas facilidades para xestionar unha cantidade importante de recursos" asegurou. Xosé Regueira lembrou que "estamos falando dun instrumento de planificación rápido, eficaz, claro e transparente" e que "practicamente toda a obra pública municipal da provincia ten detrás á Deputación a través do Plan Único".

O vicepresidente tamén aproveitou este balance para facer fincapé en que "falamos de máis de 3.000 contratos, o que significa moitísimos postos de traballo que grazas á Deputación se manteñen nas pequenas e medianas empresas, porque podemos dicir case con seguridade que o 99% das obras están sendo executadas por empresas da provincia."

Por último, Xosé Regueira cualificou o Plan Único como "un dos instrumentos de achegas económicas máis potentes non só de Galiza senón do Estado, e a min gustaríame recordar un dato que non é menor que é que a Xunta, con máis de 11.400 millóns de orzamento, a través do Plan de Contratación achégalle aos concellos pouco máis de 130 millóns de euros, mentres que desde a Deputación da Coruña, con 200 millóns escasos de orzamento, achegámoslle aos concellos ao redor de 100 millóns de euros, e eu creo que é para estar orgullosos".

Máis de 345 millóns de euros destinados a inversións en obras repartidos en 3.276 actuacións

Desde a creación do Plan Único, a Deputación destinou 345.897.327 euros a financiar obras , un total de 3.276 actuacións repartidas nos 93 concellos. Construción de parques infantís, obras de humanización de rúas e espazos públicos, melloras de centros educativos e deportivos municipais, creación de xardíns e zonas verdes, obras de pavimentación, saneamento e abastecemento de auga en núcleos rurais ou novos sistemas de alumeado público son algunhas das obras financiadas a día de hoxe polo POS en todo o territorio provincial.

O POS+ representa un novo modelo de cooperación cos concellos máis transparente, máis xusta e próxima ás necesidades da cidadanía, que permite á Deputación chegar a cada recuncho da provincia e mellorar a calidade de vida das persoas.

O Plan Único xa ten a súa propia páxina web

A Deputación da Coruña pon á disposición da cidadanía toda a información sobre o Plan Único cunha nova páxina web (https://plan-unico.dacoruna.gal/) que xa está en funcionamento.

Esta conta cun mapa interactivo para consultar os investimentos realizados en cada un dos 93 municipios da provincia.

Plan Único