Estás en:Novas

“Sinaladas”, a mostra que recolle a loita das mulleres galegas no século XX, xa pode visitarse no Milladoiro ata o 11 de abril

"Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión" é unha exposición de rúa composta por 39 paneis que remata a primeira parte da súa itinerancia no concello de Ames

Está concibida para divulgar a figura de mulleres e dos movementos nos que participaron, desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación na resistencia e na loita para conseguir a democracia

“Sinaladas”, a mostra que recolle a loita das mulleres galegas no século XX, xa pode visitarse no Milladoiro ata o 11 de abril

O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, o alcalde de Ames, Blas García, e o tenente de alcalde, David Santomil, veñen de realizar unha visita institucional á mostra "Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión". Trátase da exposición da Deputación da Coruña, que remata a primeira parte da súa itinerancia no concello de Ames, e que ten por obxectivo dar a coñecer a figura de mulleres e de diversos movementos en que participaron, para ofrecer unha visión global da memoria das mulleres: desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación das mulleres na resistencia e na loita para conseguir a democracia.

Na visita a esta mostra, que poderá visitarse no entorno do Centro de Saúde do Milladoiro ata o 11 de abril, tamén participaron as concelleiras Escarlata Pampín, Natividade González, Beatriz Martínez e Ana Belén Paz. Durante a visita, Xosé Lois Penas explicou que "esta exposición continúa co labor iniciado pola Deputación no mandato anterior e que supuxo un fito desde o punto de vista institucional en temas de tanta relevancia como a devolución do Pazo de Meirás á cidadanía galega ou a posta en valor da dignidade de cargos electos represariados tras o golpe fascista". Neste sentido, o deputado indicou que "Sinaladas continúa con este traballo, neste caso poñéndolle rostro e nome e apelidos a mulleres relevantes en distintos ámbitos, que na maioría dos casos pagaron moi cara a súa loita, e non só como unha forma de homenaxe ao seu labor senón tamén como un xeito de reivindicalas fronte á ocultación e o silenciamento ao que foron sometidas en moitos casos".

Así, os paneis recollen liñas biográficas de 540 mulleres das catro provincias galegas, das que 194 aparecen nalgunha das 373 imaxes incluídas nos 39 paneis temáticos que inclúe. Neste sentido, "Sinaladas" fai referencia a figuras tan coñecidas como María Casares como a outras menos coñecidas como as mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo, así como a loitas colectivas como o motín do arsenal de Ferrol ou a das cigarreiras coruñesas.