Estás en:Novas

O Teatro Colón acolle mañá a Gala de entrega dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña

A partir das 20.00 h. daranse a coñecer os gañadores dos galardóns nas doce categorías convocadas

Os galardóns buscan distinguir publicamente ás persoas e entidades que destaquen pola súa traxectoria deportiva, logros ou contribución ao fomento da práctica deportiva

A gala estará amenizada coas actuacións do ilusionista Dani Polo e a música de Carolina Rubirosa. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo do teatro

O Teatro Colón acolle mañá a Gala de entrega dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña

O Teatro Colón da Coruña acolle mañá venres, 31 de marzo, a partir das 20.00 horas, a gran festa do deporte da provincia da Coruña: a primeira edición dos Premios do Deporte Deputación da Coruña, cos que a institución provincial quere homenaxear e recoñecer o talento e o esforzo dos mellores deportistas coruñeses.

Ao acto, que estará presidido polo titular do goberno provincial, Valentín Gonzalez Formoso, está confirmada xa a asistencia de máis de 600 representantes dos centos de clubs e entidades das numerosas disciplinas deportivas que se practican na provincia, así como persoeiros destacados do mundo do deporte galego.

A gala estará conducida polo xornalista Terio Carrera e amenizado coas actuacións do ilusionista Dani Polo e a música de Carolina Rubirosa. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo do teatro.

A partir das 20.00 horas iranse dando a coñecer os premios das diferentes categorías do certame: Mellor deportista masculino, Mellor deportista feminina, Mellor deportista veterano masculino, Mellor deportista veterana feminina, Mellor deportista promesa masculino categoría base, Mellor deportista promesa feminina categoría base, Mellor deportista con diversidade funcional masculino, Mellor deportista con diversidade funcional feminina, Mellor adestrador, Mellor árbitro/a xuíz/a, Mellor entidade colaboradora e Premio a toda unha vida dedicada ao deporte.

Ademais, o xurado resérvase o dereito de realizar ata catro mencións, sempre que o considere oportuno, para aquelas persoas ou entidades que desenvolvesen unha actuación no ámbito do deporte digna de ser destacada a nivel provincial.

Os galardóns foron acordados por un xurado presidido pola deputada da área de Deportes, Cristina Capelán, e integrado por profesionais de referencia no eido da información deportiva como Paulo Alonso, xefe de Deportes de La Voz de Galicia; Alberto Torres, director do DXT Campeón; María Varela, xornalista de Deportes de La Opinión de A Coruña; Fran Hermida, xefe de Deportes de Radio Coruña-SER e Silvia Carregal, directora de As Nosas, xornal de deporte feminino.