Estás en:Novas

A Deputación da Coruña impulsa un plan piloto para crear unha rede de residencias públicas comarcais para maiores

As Pontes, Rianxo e Ordes acollerán os primeiros centros, cun investimento de 6 millóns de euros

A Deputación busca un modelo alternativo aos macrocomplexos actuais. "Serán residencias máis pequenas e humanizadas", afirma Formoso, que centra os obxectivo de "evitar o desarraigo e a soidade dos maiores" e "crear emprego no rural"

Formoso remarca que o 90% das residencias de maiores en Galicia son privadas, con prezos inasumibles para moitas familias e que a Xunta non creou nin unha soa praza pública de residencias en 14 anos e apostou pola privatización do sector

A Deputación da Coruña impulsa un plan piloto para crear unha rede de residencias públicas comarcais para maiores

A Deputación da Coruña impulsa un plan piloto para crear unha rede de residencias públicas para maiores de ámbito comarcal. Serán residencias de pequeno tamaño e máis proximidade, con capacidade para unhas 50 persoas, "coas que pretendemos mellorar o benestar e evitar o desarraigo e a soidade non desexada dos maiores", que moitas veces vense na obriga de ir a residencias moi lonxe do seu fogar, así como "crear emprego e axudar a fixar poboación no rural", segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Os primeiros centros situaranse nas Pontes, Rianxo e Ordes, segundo se recolle no protocolo asinado esta mañá polo presidente e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; o vicepresidente, Xosé Regueira; a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños e a concelleira de Política Social de Ordes, Susana García.

Formoso explicou que estes tres primeiros centros suporán un investimento de 6 millóns de euros e crearán 188 empregos. Os centros serán de titularidade e xestión pública, "un modelo alternativo ao da Xunta de Galicia, que conta cun 90% de residencias privadas, con tarifas moitas veces inasumibles para as familias e que ademais non creou nin unha soa praza pública de residencias nos últimos 14 anos", afirmou.

"Este é un proxecto no que levamos meses traballando. A Deputación ten feito unha diagnose dos servizos sociais da provincia no que detectamos unha eiva significativa de dotacións destinadas a maiores", explicou Formoso, que subliñou que "queremos arrancar este proxecto co consenso de todas as forzas políticas. É un proxecto de país", afirmou. O presidente destacou tamén que espera "colaboración institucional" por parte da Xunta e agradeceu a colaboración dos concellos de Rianxo, Ordes e As Pontes, que se encargarán de ceder os terreos e redactar os proxectos, mentres que a Deputación da Coruña asumirá cunha partida orzamentaria de 6 millóns de euros a execución das obras e posteriormente a xestión dos centros.

"Serán residencias máis pequenas e máis humanizadas, lonxe do modelo de contedor, de almacén de persoas actual. O que buscamos é a humanización e que as persoas maiores podan pasar a última etapa da súa vida preto da súa casa e da súa familia. En definitiva, evitar o desarraigo", explicou Formoso, que destacou tamén a vertente que o proxecto ten no plano económico e de axudar a fixar poboación no rural, un dos compromisos do goberno provincial desde o inicio do mandato.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, cualificou este proxecto piloto como "un modelo alternativo", baseándoo en tres factores: na cooperación entre administracións, na procura "dun modelo asistencial máis humano", e un modelo "máis acorde coas necesidades do noso territorio".

A este respecto, Regueira explicou que "entre os múltiples dramas que vivimos durante a pandemia un deles foi a situación residencial das persoas maiores", e que froito desa experiencia "a Deputación fixo unha análise de necesidades e sacamos as nosas propias conclusións".

Destas conclusións derivouse, segundo indicou o vicepresidente, a "evidencia de que é necesario coordinarse cos concellos e coa administración autonómica, tal e como fixemos durante a pandemia, cando esa colaboración foi máis intensa que nunca"; que "temos que tomar decisións como esta de destinar recursos para buscar un modelo asistencial alternativo e máis humano", e que este modelo "sexa máis acorde coas necesidades deste país e desta provincia, e coa nosa maneira de ubicarnos e de residir no territorio"

A aposta social da Deputación

Mellorar o benestar social da cidadanía da provincia é un dos eixos estratéxicos do goberno da Deputación da Coruña, xunto coa creación de emprego e o apoio ao mundo rural.

Neste sentido, o orzamento social da Deputación incrementouse nun 137% por cento desde a pandemia, creando novos programas como o Fondo Social do Plan Único, que leva investidos 27 millóns de euros nos concellos coruñeses ou o reforzo do servizo de Axuda no Fogar (SAF) que durante o mandato de Formoso incrementouse de 4 a 8,3 millóns de euros, permitindo financiar a día de hoxe 400.000 horas de axuda no fogar, o dobre que ao inicio do mandato e 120.000 máis que antes da pandemia.

Agora, esta aposta social reforzase coa posta en marcha deste ambicioso proxecto, co que se pretende crear un novo modelo de residencias públicas para persoas maiores que evite o desarraigo e axude a fixar poboación no rural.