Estás en:Novas

A Deputación destinou 28 millóns de euros en máis de 5.000 axudas directas aos sectores máis afectados pola crise

"A Deputación estivo ao carón de máis de 5.000 autónomos e pequenas empresas e autónomos da provincia, apoiándoas para manter a súa actividade e os seus empregos nos momentos máis difíciles", afirmou o presidente, Valentín González Formoso, que demanda á Xunta que active liñas similares

Pequenas empresas e autónomos dos sectores da hostalaría, pequeno comercio, transporte, mar, gandaría, agro e incluso orquestras recibiron axudas provinciais dos programas PEL para paliar as consecuencias da pandemia e a alza do prezo dos combustibles

Agora, a Deputación prepara unha nova liña de axudas para apoiar á pesca de cerco

A Deputación destinou 28 millóns de euros en máis de 5.000 axudas directas aos sectores máis afectados pola crise

A Deputación da Coruña, a través do Plan de Emprego Local (PEL), destinou nos últimos tres anos máis de 28 millóns de euros en axudas directas a pequenas empresas e profesionais autónomos dos sectores máis afectados pola pandemia e a alza de prezos de combustibles e materias primas que ocasionou a guerra de Ucraína.

"A través destes plans, a Deputación estivo ao carón de máis de 5.000 pequenas empresas e autónomos da provincia, apoiándoos para manter a súa actividade e os seus empregos nos momentos máis difíciles", afirmou o presidente, Valentín González Formoso, que considerou que desde o inicio da pandemia "o PEL converteuse nunha ferramenta aínda máis útil para a sociedade, xa que a experiencia adquirida nos anos anteriores permitiunos activar distintos plans de axudas específicas para sectores especialmente afectados polos efectos da pandemia, en primeiro lugar, e despois da guerra de Ucraína. Axudas que ademais se tramitaron dunha forma áxil e eficaz, pagando moitas delas en cuestión de días e incluso horas".

Formoso defendeu a Deputación "é sensible ás dificultades extraordinarias que atravesaron e atravesan aínda a día de hoxe pemes e autónomos en determinados sectores" como a hostalaría, o transporte por estrada, o sector agrogandeiro ou o pesqueiro, que recibiron as axudas provinciais e demandou a Xunta de Galicia, con competencias directas en moitas destas áreas e un orzamento anual de máis de 12.000 millóns de euros, 60 veces superior ao da Deputación, a posta en marcha de liñas similares.

PEL- REACTIVA

As primeiras axudas directas do PEL creáronse durante a pandemia e foron destinadas fundamentalmente a sectores como a hostalaría, o pequeno comercio e as axencias de viaxes, afectados polos peches e restricións. O primeiro programa REACTIVA, de 10 millóns de euros, tramitouse a través dos concellos e o REACTIVA 2, con 9 millóns de orzamento, directamente pola Deputación.

Cafeterías e restaurantes, negocios de turismo rural e axencias de viaxe foron os principais destinatarios destas axudas, que chegaron a miles de negocios en toda a provincia.

A Deputación habilitou tamén 3 millóns de euros en liñas especiais de axudas para apoiar os plans de recuperación económica das cidades da Coruña (PRESCO), Ferrol (PAME) e Santiago de Compostela.

En abril de 2022, a Deputación da Coruña foi a primeira administración de Galicia en pagar axudas directas aos sectores máis afectados pola alza dos combustibles ocasionada pola guerra de Ucraína. 1.666 pemes e autónomos coruñeses do sector agrogandeiro, pesqueiro e de transporte de mercadorías por estrada recibiron axudas de 3.000 euros para manter a súa actividade. Unhas axudas por importe total de 5 millóns de euros que, ademais se pagaron en tempo récord.

A Deputación puxo en marcha tamén en 2022 unha liña extraordinaria de axudas para orquestras por importe 704.000 euros, ao obxecto de apoiar a un sector que sufriu durante dous anos as restricións da pandemia.

Axudas para a pesca de cerco

A última liña foi presentada o mes pasado e conta cun orzamento de 700.000 euros para apoiar aos barcos de cerco e artes menores afectadas polo paro biolóxico e as limitacións na captura do xurelo, que supón un duro revés para unhas embarcacións cuxos ingresos proceden en grande medida da pesca desta especie.

As axudas serán dun máximo de 18.000 euros por embarcación para sufragar os gastos de Seguridade Social dos mariñeiros durante un máximo de tres meses. Poderán acollerse a elas os buques afectados con base en portos como Malpica, Camariñas, Sada, A Coruña, Portosín, Ares, Cariño, Laxe, Pontedeume ou Ribeira poderán recibir ata 18.000 euros por barco.