Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e a SD Compostela organizan o II Torneo Alevín F-8

Tras o éxito da primeira edición, a segunda terá lugar o 17 e 18 de setembro en Oroso

Haberá actividades paralelas de lecer que impulsarán a participación e a socialización

A Deputación da Coruña e a SD Compostela organizan o II Torneo Alevín F-8

A Deputación da Coruña e a SD Compostela organizarán o próximo mes de setembro a segunda edición do Torneo Alevín F-8. A competición, na que participarán os mellores clubs da provincia, disputarase, o sábado 17 e domingo 18 de setembro, no Concello de Oroso.
36 equipos da Coruña participarán nesta gran cita co reto de secundar ao Real Club Deportivo da Coruña, gañador da primeira edición, no palmarés. Repetindo a experiencia do pasado exercicio, o obxectivo será celebrar dous días de competición, nos que primarán a socialización e o bo ambiente entre todos os participantes. Para iso, levarán a cabo actividades de lecer paralelas.
Así mesmo, este torneo, da man da Deputación da Coruña, nace coa premisa de potenciar a práctica deportiva entre os máis pequenos da casa, fomentando os valores positivos que traslada, neste caso, o fútbol.
O torneo celebrarase o fin de semana do 17 e 18 de setembro, en formato de Fútbol-8 mixto e para categoría alevín (nenos e nenas nacidos nos anos 2012 e 2013). Na cita participarán un total de 36 equipos da provincia, que se elixirán pola orde de clasificación das ligas organizadas pola Federación Galega de Fútbol (Futgal) durante a tempada en curso.
Esta segunda edición foi presentada esta mañá no Campo Municipal Liño Balado, en Sigüeiro, coa presenza de Cristina Capelán, deputada de Deportes da Deputación da Coruña; Luis Rey, alcalde de Oroso; Antonio Leira, concelleiro de Deportes de Oroso e deputado provincial; Juan Carlos Gesto, presidente da SD Compostela; e Antonio Liñares, presidente do Sigüeiro FC.

SISTEMA DE COMPETICIÓN
Do mesmo xeito que na primeira edición, o sistema de competición comezará cunha liguiña inicial de catro equipos por grupo. A partir de aí, levarán a cabo as eliminatorias, divididas entre cadro principal e cadro secundario, en función da clasificación conseguida. Os dous primeiros pasarán á disputa das eliminatorias na parte principal do cadro, mentres que os terceiros e cuartos clasificados pasarán á parte secundaria do mesmo.
Este sistema realízase co obxectivo de que todos os equipos disputen un número similar de encontros.