Estás en:Novas

El Ghazounay Mohamed e Cristina Ruíz, gañadores absolutos da 10k “Os 10.000 peregrinos” celebrada hoxe en Santiago

"Esperamos consolidar os 10.000 peregrinos como a gran proba do atletismo galego", afirma a deputada de Deportes, Cristina Capelán

El Ghazounay Mohamed e Cristina Ruíz, gañadores absolutos da 10k “Os 10.000 peregrinos” celebrada hoxe en Santiago

El Ghazounay Mohamed, do Club Atletismo Narón, e a atleta burgalesa Cristina Ruíz Fernández foron os gañadores absolutos nas categorías masculina e feminina da 10k "Os 10.000 peregrinos" da Deputación da Coruña, que esta tarde se celebrou en Santiago de Compostela.

As rúas de Compostela convertéronse no espectacular escenario desta carreira, na que participaron ao longo da tarde máis de 1.500 atletas de todas as idades, entre eles grandes figuras do atletismo estatal como Adrián Ben, Tariku Novales, Irene Sánchez Escribano ou Esther Navarrete e que contou con diferentes probas para todas as idades: 10k e 5k homologadas pola Real Federación Española de Atletismo, unha carreira dous quilómetros en ruta; e unha andaina de cinco quilómetros en ruta.

A carreira foi retransmitida en directo a través de YouTube con Juan Carlos Higuero como condutor do programa e invitados coma Adrián Ben, campión de Europa de 800 metros, que destacou a importancia de promocionar o deporte, especialmente entre os máis pequenos; ou Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo, que afirmou que "había moito tempo que non viamos unha carreira coma esta en Galicia".

"Estamos moi satisfeitos da participación e a repercusión desta primeira edición dos 10.000 peregrinos e esperamos consolidala como a gran cita anual do atletismo galego", destacou a deputada de Deportes, Cristina Capelán, que participou na entrega de premios na praza do Obradoiro xunto co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.