Estás en:Novas

Formoso participou na presentación do Atlas Urbano da Sustentabilidade de Galicia

As cidades galegas aproban en sustentabilidade, pero ningunha emerxe como modelo a imitar polas demais

O presidente afirma que debe ser un "catalizador de boas prácticas na xestión pública" e lembrou que os fondos Next Generation están vinculados á sustentabilidade

Formoso participou na presentación do Atlas Urbano da Sustentabilidade de Galicia

As sete cidades conseguen unha nota media de 5,5, un aprobado, en sustentabilidade, pero ningunha delas emerxe como o modelo a imitar por parte das demais, segundo as conclusións do Atlas Urbano da Sustentabilidade en Galicia, editado por Economía Dixital Galicia e presentado nun acto celebrado esta mañá en Santiago

O estudo conclúe que as sete cidades destacan nalgúns dos aspectos analizados, pero tamén "necesitan mellorar en moitos apartados" para lograr niveis idóneos para contribuír á sustentabilidade. Por exemplo, A Coruña destaca polo uso do transporte público, pero suspende na contaminación acústica e do aire; Vigo debe corrixir a contaminación da auga e do aire, aínda que ten bos resultados na xestión das augas residuais; Santiago logra unha boa nota pola recollida selectiva de residuos urbanos, pero suspende polas deficiencias do transporte público.

O Atlas Urbano da Sustentabilidade en Galicia tamén evidencia algúns contrastes notorios, como son as cidades de Pontevedra e Santiago, dous casos claros de aposta pola peonalización e por afastar os coches do centro urbano, que presentan datos con insuficiencias en acceso á vivenda ou do servizo transporte público. A Coruña e Vigo son as urbes con mellores indicadores sobre a vivenda e sitúanse por riba da media en transporte público, pero obteñen peores notas en contaminación atmosférica e acústica. Ferrol, por exemplo, cunha das mellores mobilidades sen motor, é onde máis se utiliza o transporte privado para ir ao traballo ou de lecer.

A sustentabilidade, unha viaxe interminable

O director de Economía Dixital Galicia, Julián Rodríguez, explicou durante a presentación do estudo que é un "Atlas innovador, tanto na formulación, nos obxectivos e na metodoloxía". "En Economía Dixital Galicia entendemos a sustentabilidade precisamente como unha viaxe interminable no que é necesaria esa simetría imperfecta entre benestar social, medio ambiente e economía", agregou.

Julián Rodríguez subliñou que o Atlas Urbano da Sustentabilidade en Galicia, unha iniciativa "xemelga do Atlas Galego da Empresa Comprometida", é un "achegamento á realidade das sete cidades desde a obxectividade dos datos, estatísticas e fontes oficiais". "Ese cóctel de transversalidade, por todo o que abarca, é un proxecto ambicioso que se circunscribe na súa primeira edición ao ámbito urbano, pero que está chamado a completar outras realidades do mapa político e administrativo galego, sexan provincias, municipios ou comarcas", agregou.

Xosé Gabriel Vázquez Fernández, profesor de Socioloxía da UDC e coordinador do proxecto explicou que o estudo analizou sete apartados diferentes como as vivendas e tipos de solo, a mobilidade urbana e modos de transporte, a contaminación acústica, a contaminación do aire urbano, os residuos urbanos e problemas na recollida, a xestión da auga, e a mortalidade vinculada á contaminación e hábitos de vida urbana.

En total elaboráronse 82 indicadores específicos e catro indicadores sintéticos, que permite obter unha valoración estándar de 0 a 10 para todas as cidades, a partir da análise dos datos procedentes de diversas fontes estatísticas oficiais e institucionais e outras de orixe secundaria.

No acto de presentación do estudo, celebrada na sede de Afundación en Santiago de Compostela, participaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; e o presidente de Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Formoso subliñou que o Atlas Urbano é unha "ferramenta para implementar nas conciencias dos xestores públicos" e debe servir de "catalizador de boas prácticas en xestión pública".

Neste sentido, apuntou que o proxecto de Economía Dixital coincide coa "preocupación social do quecemento global e que está a condicionar a lexislación dos países máis avanzados". Ademais, alertou de que os Fondos Next Generation están vinculados á sustentabilidade e a economía verde, marcada pola economía circular e a transición enerxética". "O gran reto de Galicia é impulsar o crecemento das empresas pero que á vez sexa un territorio sustentable e unha referencia verde en todo o Estado", agregou.

Aprobado con marxe de mellora

Ángeles Vázquez asegurou que o Atlas Urbano da Sustentabilidade confirma que "Galicia ten un aprobado, que non está mal, pero debemos ter ambición" e aspirar a mellorar os resultados. Segundo apuntou, nas cidades, que é "onde hai maior concentración de poboación os parámetros baixan, pero son compensados co conxunto de Galicia, que é un gran pulmón verde".

A conselleira de Medio Ambiente apelou á "unión de todos" para seguir mellorando os resultados da sustentabilidade porque "queremos proxectar Galicia como ese lugar onde se vive ben, que temos boa calidade do aire e da auga". Neste sentido, apuntou que se están "dando algúns pasos positivos", xa que a comunidade galega mitigou en "un 34% as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2021" respecto de 1990, a "segunda autonomía con maiores reducións".

Xosé Gabriel Vázquez explicou que as cidades da Coruña (8,7 sobre 10) e Vigo (6,9) son as cidades con mellores notas no apartado sobre a vivenda principal e a contorna, mentres Pontevedra (2,3) e Santiago (3,7) son as que teñen peores rexistros, afastados da media de Galicia (5,3). Estas dúas cidades tamén presentan peores notas no indicador sobre mobilidade e transporte, no que destacan Ourense (9,1) e Ferrol (7,6).

Respecto da contaminación atmosférica e acústica, Pontevedra (6,8), Santiago (7,8) e Lugo (7,9) sitúanse por riba da media (5,8), mentres A Coruña (1,4) suspende claramente. Sobre a mortalidade causada pola contaminación e os malos hábitos de vida nas contornas urbanas, a media de Galicia é de 80,2 defuncións por cada 100.000 habitantes, que só é superada pola Coruña (104,3) e Ferrol (122,6), aínda que moi lonxe das medias doutras cidades españolas como Barcelona (1.037) ou Madrid (902).

Á vista dos datos, Xosé subliñou que "non hai unha cidade modelo de sustentabilidade en Galicia no que deban reflectirse as demais". Tampouco ningunha delas destaca negativamente en todos os aspectos analizados, porque as sete cidades ofrecen bos exemplos de xestión nalgúns aspectos e noutros ten percorrido para mellorar?, engadiu.

"A nota media é dun 5,5, un aprobado, pero con ampla marxe de mellora. Sen dúbida, o Atlas Urbano demostra que estamos ante un desafío, dunha viaxe que temos que percorrer", agregou.