A Deputación e o Concello de Sobrado destinan 239.000 euros para cofinanciar as obras de mellora de varios camiños e pistas
A entidade provincial achega 191.000 euros do orzamento, que supón o 80% do financiamento total
Realizaranse 8 actuacións en diferentes tramos de vías municipais, sumando máis de 5,6 quilómetros no seu conxunto

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para cofinanciar as obras de mellora da capa de rodadura en varios camiños e pistas do Concello.
O orzamento total desta actuación ascende a 239.994 euros, dos que a entidade provincial achegará 191.995 euros, que supón o 80% do financiamento.
O proxecto inclúe 8 actuacións en diferentes tramos de vías municipais para mellorar o seu firme, así como limpar a drenaxe lonxitudinal e a sinalización horizontal.
En total, a actuación realizarase en 5.620 metros de vías do Concello. Na pista Sisto – Cruce de Carballás renovaranse 1.490 metros; en Cabanas melloraranse dous tramos, un de 610 metros e outro de 350 metros; en Fraga a execución levarase a cabo en 1500 metros; en Abeleiras está proxectada a actuación sobre 440 metros; en Ereixanova a lonxitude será de 680 metros, no tramo Vilasuso – Grixalba traballarase sobre 120 metros do vial e, por último, desde Castro do Seixo a Cruce de Torante o tramo que se vai mellorar será de 450 metros.
Con esta actuación vanse mellorar as infraestruturas básicas do Concello de Sobrado, facilitando a circulación dos vehículos entre os diferentes camiños do municipio.